No labirinto da palabra
Nos últimos anos algúns partidos políticos españois caeron nas trampas da comunicación verbal gora. Resulta desolador comprobar como a verborrea alcanza máis poder popular que as ideas. As palabras de moitos dirixentes constrúen hipotéticas realidades para defender as súas cuítas internas. A palabra pode representar un símbolo baleiro ou un concepto sólido. Hoxe a caótica transmisión do exercicio da vida pública queda na simple imaxe e conduce á ditadura da mentira. O caos social, que aparentemente estamos a vivir, corresponde ao uso político da palabra baleira. Con corenta anos de atraso chegamos á predición de George Orwell na súa novela “1984”. Nela o partido dominante colocou na fachada do Ministerio da Verdade tres eslogans definitivos: A GUERRA É A PAZ / A LIBERDADE É A ESCRAVITUDE / A IGNORANCIA É A FORZA. É probable que vostede os escoitara ou intuíra durante as disputas que vivimos desde a moción de censura coa que Pedro Sánchez desaloxou do poder a un Mariano Rajoy acosado pola monumental corrupción do seu partido.
Teño o convencemento de que os conservadores elixiron o terceiro enunciado de Orwell para alcanzar e manterse no poder político, especialmente desde a chegada de Aznar á cúpula do PP. As desfeitas que veñen facendo indícano claramente. A implantan a ignorancia social privilexiando o coñecemento clasista, potenciando os centros educativos concertados e privados sobre os públicos, limitando o financiamento das universidades públicas para beneficiar as novas privadas, reducindo os servizos sociais solidarios, deslexitimando as institucións e recortando liberdades alí onde gobernan, son algúns dos instrumentos utilizados sen ningún tipo de pudor. Para iso nada mellor que as palabras sen contidos con que ocultan ou manipulan os conceptos impopulares do seu programa político. Por exemplo, predican que a liberdade é ir de cañas, como en tempos da ditadura érao militar en calquera equipo de fútbol. Por exemplo, proclaman que o Congreso dos Deputados non funciona cando no que vai de lexislatura de 1200 votacións o Goberno gañou 1054 e aprobou 30 leis. Por exemplo, consideran que o caso Cerdán, “é o máis grave da democracia e unha vergoña para España” mentres eles aínda agardan por trinta xuízos de corrupción. Por exemplo, durante o caso Gürtel ninguén dimitiu nin convocou eleccións, foi un simple “brote”.
Non, non se trata de establecer comparacións lamentables. A esquerda non pode caer no labirinto das palabras baleiras e vivir pegada ao Ministerio da Verdade de Orwell. Nesta encrucillada Sánchez é vítima dos seus propósitos e erros. Anunciou unha rexeneración, perdida nas hemerotecas, e agora os seus socios de esquerda esíxenlle respostas eficaces para non deixalo caer dado que España vai social, económica e laboralmente ben mentres no plano internacional é respectada como nunca. As palabras do PSOE non poden refuxiarse no medo á extrema dereita, deben actuar con firmeza, claridade fronte a situación xerada polos tres ratas corruptos, e con proxectos, porque quedan camiños importantes por andar. Pénsese na democratización do Poder Xudicial co acceso á xudicatura sen privilexios de caste, a reforma do sistema de financiamento das comunidades autónomas, unha maior protección da educación universal, o aumento da investigación científica e da sanidade pública. Entre outras palabras portadoras de conceptos esenciais para manter e valorar a convivencia harmónica que os usuarios da verborrea nin garanten nin desexan.
Contenido patrocinado
También te puede interesar