Emerxencia no libro galego

Publicado: 19 ago 2026 - 03:31
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Consorcio Editorial Galego, a principal distribuidora do libro en galego desde hai un cuarto de século, anunciou hai uns días que está a piques de entrar en concurso de acredores. Mantén unha débeda de entre trescentos e cincocentos mil euros cunhas sesenta pequenas editoriais, e deuse de prazo ata setembro para atopar un investidor que a refinancie ou botar o peche.

Hai unhas semanas, a Consellería de Cultura celebraba o «mellor momento histórico» do libro galego, con tres millóns en axudas este 2026 e un plan dotado con outros sesenta. Mesmo anunciaba unha nova liña que inclúe a distribución editorial. Ninguén dubida do esforzo orzamentario. E, aínda así, unha distribuidora de referencia está á beira do peche. O dato non busca o reproche fácil; pola contra, amosa que por moito que medren as partidas, o edificio aséntase sobre un chan moi feble.

Cómpre saír do marco partidista no que se libra o debate: o argumentario da oposición, reducido a un «se a Xunta paga ou non paga», permite repartir culpas sen asumir ningunha. Considerar isto un problema de tesourería é non entender nada. Un rescate non é unha política cultural; é, no mellor dos casos, un torniquete que nada arranxa se non se actúa no plano estrutural.

Tamén é preciso separar dúas cuestións. Unha é a urxencia: evitar dalgún xeito que a débeda arruíne as ducias de empresas que non causaron a desfeita, e con elas a autoras, tradutores, ilustradores e libreiros. Iso pode esixir unha acción rápida, pero aplicada como o que é: unha excepción, non un modelo. Porque sería moi grave que os cartos —de quen sexan— sirvan para blindar á mesma equipa que levou a empresa ao borde do abismo, sen auditar a súa xestión nin esixirlle render contas e responsabilidades ante o sucedido.

Pero o outro gran tema non pode obviarse: trátase da escasísima implantación do libro en galego na cidadanía. Convén desconfiar dos números: o barómetro do gremio de editores fixo saltar a preferencia por ler en galego do 3% ao 11% nun ano, dato pouco fiable; o máis sólido, o do Consello da Cultura, di que o libro resiste ben en Galicia, pero a lectura en galego segue sendo minoritaria e moi fráxil.

Por iso resulta moi grave que os mecanismos públicos de apoio ao sector leven apagados tempo de máis. A Lei do Libro e da Lectura arrastra vinte anos de aplicación parcial, descoidada por gobernos de distinta cor, e o Consello Asesor do Libro leva catro anos sen reunirse.

O necesario é menos vistoso. Trátase de que a Administración actúe prestixiando idioma e tecido cultural, que as axudas cheguen con utilidade, pero ademais, que o propio sector repense un modelo tan feble, dependente de moi poucas empresas: unha distribuidora cooperativa nova podería ser unha saída seria. É perentorio, xa que logo, reactivar os organismos durmidos ou desaparecidos e que as bibliotecas adquiran libro galego con máis decisión.

Pero sería inxusto cargalo todo nas administracións públicas e privadas. Se a cultura ocupase o lugar primordial que debería ter na nosa vida colectiva, esta crise tal vez non sería posible. Que unha peza esencial do noso sistema librario poida caer case en silencio, revela tamén algo incómodo e interpélanos a todos como sociedade civil, non só aos gobernos e partidos. A cultura non se salva cun cheque a tempo, senón coa súa valoración real e diaria por parte da cidadanía. Hoxe por hoxe, todo iso semella seguir, precariamente, en construción.

Contenido patrocinado

stats