Rafael Torres
Parias del mar
Albert Einstein estivo en dúas ocasións no porto vigués. Non consta nin sequera que baixara de senllos barcos que o levaron de Europa e trouxeron de Sudamérica o 9 de marzo de 1925 e o 26 de maio do mesmo ano, ida e volta, malia que non se poida descartar un paseo pola cidade a carón da beiramar. Morreu en 1955, e xa que logo é obvio que non vai pisar de novo esta cidade. Porén, as súas ideas, o seu espírito, non como científico senón no canto do seu coñecido talante humanista e asumido pacifismo, fóra de calquera reviravolta (hoxe sería alcumado de radical sen paliativos), pódennos servir de consolo neste aciago mes de maio que nos espera na nosa cidade.
E vou ao miolo do asunto. O científico máis popular do século vinte (quen non coñece a súa famosa fórmula matemática?), deixou constancia do seu furibundo “non á guerra” en sentenzas como “os pioneiros dun mundo sen guerras son os mozos que rexeitan cumprir o servizo militar e formar parte dos exércitos". Ou esta outra, que a moitos, arestora, váilles semellar sen dúbida un insulto de marca maior: “que alguén sexa capaz de desfilar tan campante ao son dunha marcha militar é dabondo para que mereza todo o meu desprezo, pois esa persoa recibiu cerebro por un erro, sóbralle coa médula espinal”.
Claro que, para os que van organizar toda esta parafernalia militarista, esa exhibición obscena e casposa de “mirar que ben armados estamos para servir ao amo OTAN-Cenorio”, Einstein, coitado, estaba tolo de remate. Xa que logo, nin caso. A verdade é que non podo negalo: Einstein sufría desa estraña tolemia, que afectou tamén a outros tarados famosos, como Tolstói, Kant, Gandhi, Thoreau, Luther King... ou o meu admirado Chaplin (revisen e boten unha ollada atenta, porfa, a “O gran dictador”, filme de 1940, e o seu xenial e apaixonado discurso de remate). Así que, aquí gloria e despois paz (ou era ao revés?).
Non paga a pena nomear a un só político, desta urbe galega ou do goberno do Estado (do mini goberniño desta malpocada Galicia, liderada por tristes persoeiros que odian o galego e nin o disimulan, mellor me esquezo por pura hixiene mental), para lembrar a hipocresía dos “no a la guerra” en xentes que antes (da guerra, supoño) xactábanse do seu socialismo e do seu marxismo (perdoen que non lle engada comiñas a eses dous epitetos tan devaluados).
Un circo militarista no que aínda temos que aturar como se oufanan no seu rearme armamentista, “que xa supera o dous por cento do PIB”, din tan pimpantes. E por suposto non faltan artigos, día sí e día tamén, como “España entra por primera vez en el top 15 mundial de gasto militar tras aumentar su inversión un 50 por ciento”, e chegar, engado alucinado, aos 34.265 millóns de euros investidos soamente o ano pasado, que se di axiña. Pensen noutras áreas (en plan socialismo de verdade) e fagan vostedes a demagoxia por min, que estouro a gargalladas e vaime dar outro infarto.
De onte mesmo, noutro calquera deses voceiros de papel, tratando á xente nova de “carne de canón”: “El Ejército se tiene que nutrir de gente joven. Sin unidades de combate, ¿dónde vas?”. Sobran máis comentarios. E remato voltando a Einstein e a resistencia activa, agora seica máis necesaria que nunca, sexan ou non “profesionais” os exércitos: “Se os mozos se negasen masivamente a entrar nos corpos militares e non participar en accións bélicas, a maquinaria de guerra deteríase. O militarismo é o peor enxendro que saíu do espírito das masas. Coido que esta pantasma teríase esvaído hai moito tempo se non fora pola corrupción sistemática á que é sometido o recto sentido dos pobos mediante a escola e a prensa, por obra de persoas e institucións interesadas económica e politicamente na guerra." Máis claro, auga. Para as mentes pechadas e obtusas, unha recomendación final do propio sabio, viaxando ao cadrado a través da luz: “A mente é como un paracaídas, só funciona cando se abre”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar