A distancia maternal

Publicado: 01 jul 2023 - 05:46

Os visitantes que percorremos as salas do museo MARCO de Vigo onde están colgadas as fotografías de Andrea Costas (Vigo, 1978) experimentamos a mesma sensación de encantamento que as persoas que viron por primeira vez unha fotografía ou asistiron atónitas ás primeiras proxeccións cinematográficas. Esas imaxes que contemplamos están impresas con tanta verdade que conseguen trasladarnos a algún lugar que se estende alén da fotografía; un estado de ánimo que se sitúa entre a realidade e a ficción. A artista galega constrúe un discurso que logra captar o elemento intanxible que non existe en ningún lado dos espellos que reflicten as realidades e as ficcións, senón que brota de súpeto, como por encantamento, sobre as areas movedizas que as separan. Malia a posibilidade de reprodución que ofrece a fotografía, a artista verte tal naturalidade na representación da súa proposta que logra reter na súa obra parte da luminosa aura que as habita. Deterse en silencio perante estas fotografías permite a quen observa escoitar o eco da experiencia compartida e sentir o punctum que nos conecta coa nosa memoria e coas nosas emocións pasadas e presentes, pero tamén futuras. A filla e o fillo, cos beizos pintados, comen a bicos a cara da nai até cubrir o rostro dun intenso e profundo vermello como evidencia de que están unidos polo amor, pero tamén polo sangue que corre polas súas veas. Logo, peitéana, e córtanlle o pelo, e péganse a ela como acordanza de que algún día foron o mesmo corpo. E de que sempre seguirá sendo así. Sempre permanecerán unidos, aínda que os corpos se separen.

As bocas ábrense mostrando dentes que caen, ao principio e ao final da vida. O rostro oculto baixo unha carpa de circo. Refuxio e ilusión. Un conto. A pegada dos demais sobre nós. Cicatrices. Debuxos. O corpo da artista cuberto polos seus cabelos salvaxes transmutados en vestido de cabalos desbocados. Anatomía e espírito. Quen non sentiu ese terror nocturno que nos leva ao delirio e que nos fai buscar a cama doutra persoa para acubillarnos a outro corpo e sentir unha calor próxima que poida axudarnos a acougar o pesadume? Andrea Costas non só converte o seu corpo e a súa mente nun campo de batalla artístico, senón que, no seu tolo afán de reflexionar sobre a muller e a maternidade, vai máis aló da materia para elaborar un valente discurso con todo o demais: o que palpita nunha dimensión emocional. A fotógrafa lévanos a un territorio de linguaxe non verbal onde conversa con outras artistas como Ana Mendieta, Yoko Ono, Francesca Woodman…

Desapegos de Andrea Costas é unha das exposicións máis interesantes da tempada. Desde as paredes do museo, as imaxes espidas saen disparadas como frechas para lembrarnos o gozo e a dor de ser nais, pais, fillos e fillas.

Exposición: Desapego. Lugar: MARCO de Vigo. Datas: 7 de febreiro a 2 de Xullo. Comisariado: Pilar Souto e Miguel Fernández-Cid

Quedan xa poucos días. Non perdan a oportunidade de mergullarse nesta exposición tan brillante coma escura.

Álex Mene

Contenido patrocinado

stats