baloncesto/liga challenge
Trámite y segundo puesto
Vig-Bay
Quentan os corredores nos arredores de Samil nunha desas xornadas fantásticas para o atletismo popular. Fresco e case sen vento. De chegar, sería máis a favor que en contra, pero o mar, gris e bravo, indica que pode haber dificultades. Confírmase a intuición ó dobrar a curva do Restaurante Timón e abrirse a vista ata o fondo da ría por enriba do Vao. Nubes grises, con aroma de choiva, ideais para correr rápido porque non dará moito tempo en chegar o corredor humano de Baiona. E os que máis correron entre todos os participantes foron Jorge Puig Malvar en homes e a lusa Andreia Santos, en mulleres. Cada un o tentou ó seu ritmo e, ás veces, ata esquivando participantes porque a Vig-Bay superou todos os seus récords. O do evento en global con 7.257 atletas na chegada, o da Minibay con 1.722 e, especialmente, o da distancia orixinal de media maratón que estaba nos 4.785 do 2015 e que onte ascendeu ata os 5.535 deportistas. Plusmarca absoluta, contundente, notable, abraiante…
No competitivo, o evento, polo perigo da choiva ou, mellor, polas boas condicións atléticas resultou rápido nos tempos, ata estar preto dos mellores tempos do percorrido novo. En homes porque a loita entre o luso Ruben Pires e o pontevedrés Jorge Puig Malvar resultou tan fermosa como extenuante. Saíu marcando a ritmo o ourensán Alejandro Fernández e, tras pasar o Vao, foi Puig o que tomou o mando, pero Pires non estaba de acordo. Situouse primeiro e tirou e tirou, primeiro costa arriba, despois costa abaixo e, finalmente, por monte Lourido mentres Puig Malvar agochaba os padecementos na solvencia do seu correr e Fernández loitaba por non perder máis metros dos recomendables ata que a ‘goma’ rematou por ceder. Os mozos, a nova xeración, ten un punto máis.
Gañou o de Pontevedra porque tiña unha marcha máis que Pires nos últimos quilómetros, pero tivo que marcar un tempo por debaixo da hora e seis minutos. Soamente Dimitri Serjogins e Lolo Penas fixeron ese tempo dende 2013, ano do troco de percorrido.
O subir a costa do Restaurante Timón, as nubes grises ameazaban na entrada da Ría
En mulleres, Andreia Santos saíu a fume de carozo. Era debutante e igual pensou que tras o inicio en ascenso a cousa era moi cómoda despois porque chegou a ter cinco minutos de marxe sobre as perseguidoras, pero perdeu folgos nos últimos quilómetros ata o punto de chegar en aire a Baiona. Necesitou unha boa recuperación, pero aínda así tivo unha marxe ampla e asinou o mellor tempo dos últimos anos, soamente superada por Alice Finot, campioa de Europa de 3.000 obstáculos. Case nada. O podio completárono Lucía Sicre, do Ferrol, e expoñente da mocidade, e Ana Alonso.
Detrás, pouco a pouco, chegaron o resto dos atletas e a partir da hora e corenta, as rúas Monterreal e Elduayen eran una auténtico fervedoiro de deportistas facendo o último esforzo ou, simplemente, completando a proba con felicidade. Algúns, incluso, facendo vídeos de Instagram. Non faltou o participante con carriño de bebé e outros que colleron os fillos para pasar baixo o arco de meta. Algo que non era doado porque o tráfico era notable, como a Avenida de Madrid o domingo de regreso da Semana Santa. Moitos lembrarán.
Tamén é certo que non quedaba moito tempo para relaxarse porque as nubes, grises, chegaron e mollaron os que xa andaban polas dúas horas. Descargou un deses chuvascos fortes e contundentes. Mellor ó final que ó comezo
A Minibay, que é a metade do percorrido da Vig-Bay, con saída en Nigrán e chegada en Baiona, tivo onte como gañadores a Enrique Blanco e Ana Alonso Herrero. A vitoria en homes chegou nunha proba fermosa porque foi o esprint co redondelán Anxo Otero. Man a man durante moito tempo para resolver a proba.
Diferente foi a vitoria para Ana Alonso, que optou por sair o seu ritmo, adquiriu renda e xa non parou pese a carecer de referencias. A bicicleta que a precedía e marcaba o inicio a proba facía de particular vista por se algunha opoñente se acercaba pero non foi así. Por detrás, as célticas Clara Román e Iria Rodríguez cruzaron xuntas a meta, como xuntas adestran.
Iso si, neste caso, os corredores non libraron a choiva porque, ó madrugar as 9:30, sufriron os chubascos da mañá de Baiona. Un ou dous para os primeiros en chegar e algún outro para os que tardaron máis. Despois pasou e escampou un pouco, pero o mollado xa estaba aí. Nesta distancia, como é habitual, estivo o histórico Javier Álvarez Salgado ós seus 82 anos. Tamén outros moitos co seu reto de tempo e algún, incluso, con lesións como un home en recuperación de xeonllo que tivo todos os padecementos do mundo para rematar unha proba que medrou ata os 1.722 deportisas e, como dato notable, con 979 (56%) de mulleres. A metade da media maratón está máis que consolidada e, por número de participantes, xa está nun posto de privilexio entre as probas de 10 quilómetros, aínda que esta ten uns metros máis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
baloncesto/liga challenge
Trámite y segundo puesto
Fútbol | segunda federación
El Coruxo malogra una nueva ocasión de meterse en zona de play-off
Vig-Bay
Mamá en lo alto del podio
Lo último