Abraham Cupeiro: “Será unha experiencia épica, telúrica”
O sarrián Abraham Cupeiro fará ruxir Balaídos cun instrumento de orixe celta
Aínda que é lucense de nacemento, o corazón de Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é de cor celeste. El mesmo di que a súa relación co club vigués estaba case predestinada porque dende moi pequeno xa tiña un gusto especial pola cultura celta: “Xa só polo nome comezou a gustarme”. Pero hai moitos máis factores no idilio deste músico multiinstrumentista que vén de dar a volta ao mundo na banda sonora orixinal de “Gladiator II” co Celta. Cando el era mozo, o club tiña por costume facer a pretempada en Sarria e, ademais, o seu irmán Marcos era seareiro celeste: “As pegatinas do Celta sempre estaban no armario da habitación, polo que o escudo acompañounos sempre na casa”.
Hoxe, Cupeiro é un afeccionado máis que segue ao equipo cada fin de semana e que desfruta dos partidos, sobre todo dende a irrupción de Claudio Giráldez no banquiño: “O fútbol do Celta de Giráldez é unha sinfonía perfecta que ten uns fortes incribles e, ao mesmo tempo, unhas liñas melódicas moi finas e intelixentes grazas a xogadores como Aspas, que ten unha visión poliédrica. É unha obra de arte”, resume en termos musicais o plantexamento do adestrador porriñés.
Nun ano tan importante para el, no que publicou o seu terceiro álbum de estudo ("Mythos") e traballou na banda sonora de “Gladiator II”, amosar a súa arte nun escenario como Balaídos é case un broche dourado. Cupeiro amenizará a previa do Celta-Barcelona tocando o ‘karnyx’, que el describe como “unha trompa de guerra de orixe celta que usaban os galos para loitar contra os romanos no campo de batalla”, polo que sinala que “está moi ben traído” facelo sonar nos instantes previos dun partido que se prevé frenético e emocionante. “Xa fixemos unhas pequenas probas no estadio o luns e vai ser unha experiencia telúrica, algo estremecedor e épico”.
Un instrumento único
El é un dos poucos homes no mundo que sabe tocar este instrumento tan peculiar e recoñece que foi unha experiencia totalmente autodidacta: “Ten unha técnica ancestral e xa non quedan mestres de hai dous mil anos, así que fun pouco a pouco descubrindo como facelo soar”. Ao tratarse dun tubo longo coroado pola cabeza dun dragón sen ningún tipo de mecanismo, Abraham puido experimentar, grazas á súa experiencia con ducias de instrumentos de vento, ata ‘domar’ este karnyx que leva polo mundo adiante como un dos seus buques insignia e que xa lle abriu moitas portas no mundo do espectáculo.
Dende o día 15, todo o mundo pode desfrutar do virtuosismo de Cupeiro co karnyx na banda sonora de “Gladiator II”, unha experiencia que para el foi “moi divertida” xa que o compositor non lle deu partituras “e gravaba mentres improvisaba sobre as imaxes”. Amósase moi contento de que “estes sons ancestrais estean nunha película como esta porque van chegar ao grande público”. Para el é toda unha honra “traer estes instrumentos históricos ao século XXI” e confesa que lle gustaría traballar con Sting “porque indagou moito en sons antigos e é unha faceta que non se coñece moito”.
Espírito guerreiro para a previa do Celta-Barcelona
O Celta confirmaba onte que o multiinstrumentista sarrián actuaría en Balaídos nos instantes previos ao encontro que enfrontará ao equipo celeste contra o Barcelona, collendo o relevo de Fillas de Casandra, quen fixeron o propio na previa do Celta-Real Madrid.
Será unha actuaciónbaseada “nas nosas raíces máis ancestrais, evocando o espírito guerreiro dos nosos antepasados celtas”, como reza o comunicado do club. Ademais, salienta que a peza que interpretará utilizando o karnyx será única e creada para a ocasión: “A súa melodía resoará en todo o estadio do mesmo xeito que os celtas tocábano no campo de batalla para intimidar ao inimigo”.
Para que os afeccionados poidan desfrutar desta actuación, o club recomenda que accedan ás súas butacas con máis antelación do habitual, xa que o espectáculo comezará sobre as 20,45 horas, isto é, quince minutos antes do inicio do partido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Oviedo 0 - 0 Celta
Directo | El partido entre Oviedo y Celta, minuto a minuto
Celta - Real Oviedo
Giráldez admite “corregir” la plantilla en enero
Fútbol | Primera Federación
Duelo de juventud al alza en Balaídos