Atlántico
Sensibilidade ambiental e ordenación do territorio
A análise xeográfica dos lugares móstranos a complementariedade entre os sentimentos e as emocións do espazo vivido e os criterios de ordenación territorial desde o poder político e económico. Isto vémolo de xeito moi evidente no caso da Carballeira da Barroca e das zonas húmidas das Pertegueiras.
As persoas que viven preto da carballeira sentían que se destruía un punto de referencia da súa vida diaria: a carballeira. Co obxectivo de facer o Vigo Arena, destruíase o sistema ecolóxico dunha das maiores carballeiras do municipio de Vigo. E protestaron e organizáronse. Con recursos e con performances lograron convocar a outros colectivos de Vigo, que entenderon que se estaba a atentar contra un dos valores máis sobranceiros da resistencia fronte ao aumento das temperaturas e a falta de auga. Finalmente lograron convencer ao concello que desbotara a idea de facer este gran centro de ocio nun lugar patrimonial de enorme valor ecolóxico.
Agora o que debemos formular é unha alternativa para o uso veciñal do medio húmido e forestal. Sabemos que non existe aínda unha conciencia colectiva que nos permita solucionar problemas que se producen no espazo público ecolóxico, como sucede nos vieiros do Lagares, que están pechados por un corremento de terras nas proximidades de Castrelos. Isto non sucedería se fora unha estrada ou unha rúa. E igual sucede no desbroce e limpeza das beiras do río para poder pasear e gozar da humidade ambiental.
En calquera caso cómpre desenvolver un proxecto axeitado aos tempos que vivimos no lugar da Barroca e Pertegueiras. A súa situación próxima a Samil, aos polígonos de Navia e Coia permiten deseñar un parque forestal e húmido que sexa un lugar de lecer para os veciños de Vigo e poidan aproveitar, mesmo os turistas para coñecer como podemos paliar as consecuencias do quecemento da atmosfera e das augas.
Non hai que facer grandes obras, senón conservar, limpar e coidar o que xa existe. Unha carballeira é un lugar onde pasear, facer pícnic ou quedar con amigos. As sendas baixo as árbores dan sombra nos días de calor e protexen do frío nos meses invernais. E as fochancas das zonas húmidas son concentracións de recursos hídricos imprescindibles nos meses de seca estival.
Para entender a importancia das zonas húmidas e dos espazos forestais con caducifolias temos que estudar a evolución do clima en Vigo. Os datos climáticos de Vigo poden ser avaliados desde os diferentes observatorios meteorolóxicos que existen (porto, Castro, aeroporto, campus). Imos utilizar os referidos ao centro de Vigo, que estaba ubicado no concello e agora no Castro.
Estes datos indícannos que desde os anos sesenta do século XX ao segundo decenio do século XXI estamos asistindo a unhas transformacións ambientais moi relevantes. A precipitación diminúe en valores absolutos (litros anuais), pero sobre todo hai menos días de choiva, o que significa que chove con máis forza en menos días. Isto provoca máis erosión superficial. Ademais, rexistramos máis calor e seca nos meses estivais, o que repercute nunha sensación de aridez, calor e que inflúe na saúde das persoas. A temperatura media anual subiu practicamente un grao desde os anos sesenta do século XX e, sobre todo aumenta nos meses estivais, que supera esa cantidade.
Isto significa que o aumento de calor e diminución da chuvia condiciona as relacións do ecosistema de Vigo. Por iso é necesario conservar espazos que poidan almacenar auga e dar lugar a unha sombra que palíe o incremento da temperatura estival.
E que podemos facer desde Pertegueiras e A Barroca? En primeiro lugar, rexistrar estes dous lugares como elementos do patrimonio ecolóxico local e que sexa catalogado no planeamento como área non urbanizable especialmente protexida. En segundo lugar, facer un deseño simple da súa utilización: limpar as lindes, crear un conxunto de sinais que nos informe dos beneficios que provocan estes ecosistemas e como os podemos conservar. En terceiro lugar, usar este espazo con agarimo, como se fai nas beiras do Lagares, evitando contaminar con lixo e vertidos líquidos este humedal e o bosque a él asociado.
Xosé Manuel Souto e Lurdes Arias (Salvemos a Barroca)
Contenido patrocinado
También te puede interesar