Xornal Escolar

Educación presentou unha plataforma de teleformación

O sistema de acreditación da lingua galega incorpora así no seu nivel 4 a modalidade de teleformación.
photo_camera O sistema de acreditación da lingua galega incorpora así no seu nivel 4 a modalidade de teleformación.

A Xunta enmarca esta iniciativa na política  de impulsar a formación online no uso da tecnoloxía para universalizar o acceso a lingua e ao patrimonio  cultural galego, salientou a importancia que esta medida ten para os galegos do exterior.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez, presentaron o novo curso en liña preparatorio para a obtención do certificado de lingua galega Celga 4, que este ano realizarán por primeira vez a través da rede un total de 420 persoas. O sistema de acreditación da lingua galega Celga incorpora así no seu nivel 4 a modalidade de teleformación. Cómpre lembrar que xa funciona a modalidade en liña para o Celga 1, que este ano cursarán 150 persoas, o mesmo número que o ano pasado. Xunto ao conselleiro e a directora da Amtega, participaron na rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o secretario xeral da Emigación, Antonio Rodríguez Miranda.
Román Rodríguez salientou o éxito desta iniciativa, que fai extensiva esta formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior, ademais de universalizar a posibilidade de aprender a nosa lingua propia mediante esta vía. Polo tanto, os obxectivos desta medida son darlle resposta ás demandas da cidadanía e contribuír á cohesión territorial e social. Ademais, facilítase con el a conciliación dos estudos de lingua galega co emprego ou con cursar unha carreira universitaria, por exemplo. 
O conselleiro explicou que, grazas a esta ferramenta, o número de persoas que se formarán para a obtención do Celga 4 elevouse a case 600, das que só 175 o farán de xeito presencial. “Está claro que a demanda era moi alta, porque se trata dun nivel que capacita para usar o galego con fluidez e espontaneidade en practicamente calquera contexto comunicativo, sexa persoal, público ou académico”, dixo. Ademais, destacou o esforzo feito pola formación da poboación adulta en lingua galega, e que está a dar como froito uns datos cada vez mellores. Non en balde, os datos sobre competencias das enquisas sociolingüísticas revelan en Galicia os niveis de coñecemento da lingua cooficial máis elevados de todo o Estado, tanto en destrezas pasivas como en destrezas activas, e unha mellora remarcable no que se refire á competencia escrita. Mar Pereira destacou que a posta en marcha da Plataforma de teleformación da lingua galega enmárcase na política autonómica de impulsar a formación online.

Te puede interesar