Xesús Alonso Montero, novo Premio Laxeiro: “Quedei engaiolado”

Alonso Montero, nunha presentación en Cartabón.
photo_camera Alonso Montero, nunha presentación en Cartabón.
O profesor e intelectual recibirá aos seis 94 anos o Premio Laxeiro, por decisión unánime dos membros do Padroado

“Non me faltan motivos para que quixese e admirase a Laxeiro, quedei engaiolado cando me comunicaron a concesión do premio”. Así, o ex-presidente da RAG, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), que recoñeceu que nun primeiro momento chocoulle a decisión tomada por unanimidade no Padroado da Fundación Laxeiro. “Sempre pensei que debería levalo algún pintor ou alguén do universo das artes plásticas, eu fun un estudante brillante no bacharelato, pero o debuxo dábaseme moi mal, xa me explicaron que o galardón recae dentro do ámbito da Cultura”.

A entrega será como cada ano no xantar organizado co gallo do nacemento do artista do que fará 114 anos o 23 de febreiro. “Ata foi listo para nacer o mesmo día que Rosalía”, comenta o premiado, quen sinala que tamén se lembra a tentativa de golpe de Estado 23F.  “Nós tiñamos afinidades políticas, Laxeiro era un home de esquerdas, chegou a doar cartos en Arxentina para recadar fondos para os presos políticos de España”.

Alonso Montero tratou moito ao que considera un artista extraordinario, “chegamos a participar en tertulias contiguas no café Goya; el tiña unha permanente alí, na que eu no participaba porque sempre se sentaba a carón dun radiador, era moi frioleiro”. Contou coa colaboración gratuíta do artista en libros e antoloxías de Celso Emilio, Lorenzo Varela “ou xente, que os da dereita, calificarían como os anti-España”, apunta o autor.

Asegura que Laxeiro sempre estivo acompañado por anécdotas, “unhas son verdades e outras non, pero cando alguén é tan brillante para xenerar algunhas destas situacións se lle atribúen o resto; era un histrión, tiña o talento de crear un personaxe que falaba checo diante da xente ou polo menos dicía palabras que soaban a checo, como ninguén sabía ese idioma, pois podía ser; eu sempre dixen que era un checo un pouco dialectal”. Considera que tivo unha biografía extraordinaria, “sae das terras de Lalín querendo ser artista e tivo a sorte de ser becado; era home de taberna e aí o coñecín, no restaurante que o meu irmán tiña na cidade, Casa Julio; eu, con 20 anos, estudaba en Madrid, vin pasar as vacacións e souben dun home dos que dicían era un artista como moito enxeño; andaba en zocos, e eu que era un pouco aldeán quedei impresionado con aquel home, de quen logo souben a súa traxectoria”.

Das influencias da súa vida destaca a súa compañeira Lala, que coñeceu en Arxentina, “foi unha muller extraordinaria que loitou pola República e que por ela, Laxeiro foi quen foi, soubo orientalo, porque el era un poco ácrata”.

Así, Xesús Alonso Montero repasou a súa relación cun personaxe “polifacético, cheo de inxenio e talento que inventaba personaxes, un home popular”.

Te puede interesar