Sonic fala galego na súa nova serie

Cun 60% de aprobación dos críticos e un 90% do público na páxina ‘Rotten Tomatoes’, a serie de animación ‘Sonic Prime’ supuxo un éxito que Netflix xa renovou para unha segunda tempada.
photo_camera Cun 60% de aprobación dos críticos e un 90% do público na páxina ‘Rotten Tomatoes’, a serie de animación ‘Sonic Prime’ supuxo un éxito que Netflix xa renovou para unha segunda tempada.
O chapeleiro Eloy Pérez e a compostelá Yhadira García poñen voz a dúas das personaxes principais

Sonic o Ourizo, protagonista dunha longa saga de videoxogos da multinacional xaponesa Sega, fala por primeira vez en galego na súa serie de Netflix ‘Sonic Prime’, estreada hai escasos meses cun importante éxito tanto de crítica como de público. A nova Lei do Audiovisual fomenta que este tipo de produtos tradúzanse ás linguas cooficiais do estado e plataformas como Netflix non están a desaproveitar a ocasión para facelo.

Detrás dun dos personaxes principais, Knuckles, está o chapeleiro Eloy Pérez, quen, xunto á compostelá Yhadira García, voz doutro dos protagonistas, Tails, ofrecerá hoxe unha conferencia sobre o proceso de dobraxe desta serie ao galego na Facultade de Filoloxía e Tradución da man do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV).

“Se non fora polo galego, series como esta non chegarían aos estudos de aquí”, apunta o propio Eloy, que indica que é un “puntazo” formar parte do equipo de dobraxe de Sonic Prime porque “é volver un pouco a eses anos 90 nos que o Xabarín tiña debuxos animados en galego”. Pola súa banda, Yhadira comenta a sorte de contar con esta oportunidade porque “a dobraxe dos debuxos animados en galego é moi bo” e, en concreto, participar nun proxecto tan “potente” como este foi moi especial. Ambos constatan que a experiencia foi completamente positiva. “Eu ao principio non sabía nada sobre a serie, pero conforme fomos avanzando nela, cada capítulo era máis divertido”, exclama Eloy, “e se lle sumamos a retranca e os insultos galegos, dálle un puntiño máis de diversión”. Así, na versión galega desta serie de animación, pódese escoitar a Sonic e o resto de personaxes dicindo expresións como “moinante” ou “papaxoubas” que animou mesmo ao público de fóra de Galicia a ver ‘Sonic Prime’ dobrado ao galego: “Vimos a xente de fóra de Galicia comentando en Twitter que preferían vela así porque había expresións que eran moito máis graciosas”, apunta Yhadira. 'Sonic Prime' foi traducida ao galego por Manuel Arca, cuxo traballo estes dous actores de dobraxe loubaron.

Dobrar a estes icónicos personaxes da franquía de Sega foi moi especial tanto para Yhadira como para Eloy, que creceron cos seus videoxogos e, desde o momento do casting, estaban a desexar que lles chegar esa confirmación positiva de que lles daban o papel. Iso si, a un custoulle máis que ao outro prestarlle a súa voz ao personaxe. “A min vénme ao xeito co meu carácter e o meu ton de voz e paseime pipa dobrando a Knuckles”, destaca Pérez, mentres que para ela supuxo un reto maior, pois estaba afeita facer outro tipo de voces máis cristalinas: “Para empezar Tails é un mozo, así que tiven que baixar o meu rexistro e rachar un pouco a voz, pero foi moi entretido chegar a pillarlle o punto e paseimo moi ben”. Estes dous actores de dobraxe soñan cunha nova ‘Xeración Xabarín’ para que, do mesmo xeito que nos anos 90, os nenos galegos crezan con estes debuxos animados no seu idioma. “Os nenos de antes non querían ver Dragon Ball ou Shin Chan en castelán”, lembra Eloy. “En Galicia temos un dominio para traducir este produto audiovisual con moitísimo nivel, teñen moita expresión e son moi graciosos”, apostila Yhadira, que ve en series como ‘Sonic Prime’ unha oportunidade para enganchar ás novas xeracións e popularizar a animación en galego de novo.

Te puede interesar