Marta Dacosta (Vigo, 1966) repártese entre as súas actividades como poeta, profesora e sindicalista. Ven de publicar con Galaxia un novo poemario “Notas sobre a extinción”, libro do que falou para Atlántico.
Por que a extinción?
O título é un verso dun dos poemas. No libro hai unha especie de actitude contemplativa da Natureza e dalgún xeito como escritora tomo notas para situarme no mundo e para actuar ante o perigo de extinción que ameaza a natureza e tamén a palabra. Non só afecta á desaparición física das cousas, senon á invisibilidade que lles provoca non saber velas ou nomealas porque esquecemos as palabras que definen a diversidade animal e vexetal. Cada vez pérdese máis a individualidade so seres vivos.
Este poemario semella un álbum de momentos. Ten unha liña discursiva predeterminada?
É un catálogo de vivencias e emocións, tentei capturar accións e visións. A poesía ten moito de impulso, de retención de momentos concretos. A primeira dificultade do escritor é lograr retratar esa fermosura con palabras. Aquí recuperei termos pouco usados da nosa lingua, obrigándonos a volver a eles. Ao construir o libro, fixen un esforzo de colocación con momentos diferentes para ofrecer ao lector unha sensación acogante, que sentise a paz da natureza. En canto a métrica hai unha ollada á oriental, “porque a poesía non ten límites nin no espazo, nin no tempo”. Hai temas tan galegos como o río ou o paisaxe que tamén se atopan na temática oriental.
Recrea a realidade dunha aldea pero case sen referencias. É un lugar real?
Son moitos lugares, paisaxes reais e situacións vivencias no Incio, Peiteiro ou todo o Val Miñor. Só identifico Mondoñedo, capital histórica, coa botica de Cunqueiro e San Rosendo. Quero amosar a diversidade do territorio, non fago referencias de xeito intencionado, non é un catálogo de lugares. É certo que me gustou cando as miñas veciñas identificaron o Camiño Real, humilde e pequeno que se atopa ao pé da casa.
Entre moita fraga atópanse pequenas pirulas de mar. Por que ese abandono da costa?
Este libro é máis de bosques, é certo que non está tan presente como noutros libros, pero está.
Como recomenda ler este poemario?
Pódese ler de xeitos diferentes. Eu compárao coa música, temos que deixarnos levar. A diferencia da narrativa que ofrece unha mensaxe clara, a poesía non. Temos que ler sen estar obsesionados por entender. É ritmo. Temos que pechar os ollos e abrir os sentidos e deixar que transmita sensaciones. A partir de aí, pódese ler seguido, pero non é preciso. Non se ten que acabar o libro, ás veces xa chega con ler dous versos, os que transmiten ao lector.