‘Todos temos algo que dicir en materia ambiental’

Biólogo e catedrático de Ciencias Naturais, Carlos Vales Vázquez dirixe desde 2001 o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). É membro da Área de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Forma parte da Comisión Internacional de Educación e Comunicación da Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN). Ten unha ampla bagaxe na educación ambiental, na conservación e xestión da biodiversidade e en áreas protexidas. É autor e coordinador de distintas publicacións e escribiu numerosos artigos en revistas de divulgación científica.
Carlos Vales, ademais de consolidar ó Ceida como un referente no ámbito nacional e internacional, ten demostrado o seu compromiso co medio natural e a súa capacidade para implicar nos proxectos a figuras relevantes. A semana que ven recibirá na illa de Santa Cruz, onde ten a súa sede o Ceida, á primatóloga e naturalista Jane Goodall, que falará da súa experiencia cos chimpancés e das súas investigacións con animais en liberdade. —O Ceida leva funcionando desde 2001 e xa se converteu nun centro de referencia. ¿Como é o traballo coas entidades colaboradoras? —Temos uns estatutos que definen os obxectivos xerais do Ceida, entre os que figura a consolidación do centro de documentación ambiental, así como o desenvolvemento de proxectos de educación e formación para os diferentes sectores. As liñas de traballo veñen marcadas por eses obxectivos, que intentamos levar a cabo en conexión con técnicos e cargos municipais, educadores, operadores turísticos, centros escolares e outros axentes implicados. As tres áreas de traballo (formación e capacitación, educación e divulgación, e o centro de documentación Domingo Quiroga) concrétanse nun plan de actividades que se aproba anualmente. —¿Qué relación manten o centro coas diferentes aulas de natureza, granxas escola, parques etnográficos ou arqueolóxicos? —É moi fluida, aínda que non é unha relación orgánica. Son equipamentos de educación ambiental de tipolixía variada: públicos e privados, ubicados en áreas protexidas ou fóra destas, na costa ou no interior...
Cada caso é diferente, polo que ofertamos actividades en diferentes formatos: cursos de educación ambiental, actividades de interpretación da naturaza, etc.Organizamos, ademais, un foro anual de educadores ambientais para que nos conten as experiencias máis demostrativas e haxa un intercambio de información entre as entidades que participan. —¿En que ámbito é máis necesaria a formación ambiental? —Intentamos proporcionar os medios axeitados para a capacitación de técnicos en medio ambiente, do profesorado e doutros grupos sociais interesados pola educación ambiental. Mantemos abertas varias liñas de traballo e programamos actividades todos os anos; dámoslle moita importancia, por exemplo, á implicación dos axentes municipais, pero tamén colaboramos activamente coa Xunta nos proxectos relacionados co cambio climático. A conservación da natureza precisa da coordinación dos profesionais implicados, por iso son importantes os encontros entre os xestores de áreas protexidas ou os profesionais do sector turístico, unha actividade susceptible de producir un impacto considerable. —O Ceida tamén manten unha intensa actividade a nivel internacional. Ademáis de participar en foros e congresos, comparte proxectos para a mellor xestión dos recursos ambientais. ¿Con qué países manteñen un contacto preferente? —Mantemos unha relación especialmente fluida con países lusófonos. En Cabo Verde, por exemplo, temos desenvolvido algún curso para a xestión de áreas protexidas; en San Tomé estudamos o impacto do desenvolvemento turístico en zonas especialmente sensibles... Tamén colaboramos con diferentes países latinoamericanos e con Portugal; abordamos, por ejemplo, a situación do parque do Xurés en diferentes seminarios internacionais. —O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia é o resultado dun consorcio entre o concello de Oleiros, a Universidade da Coruña e a Consellería de Medio Ambiente. ¿Cómo está a funcionar esta experiencia? —É unha fórmula peculiar, pero o tempo ten demostrado que é moi util. Conflúen as aportacións dunha entidade local, os dunha científica e os do goberno autonómico. Todos temos algo que dicir en materia ambiental e, como consecuencia, debemos poñernos ó servizo da sociedade. —¿É unha fórmula trasladable a outros ámbitos? —Sempre é posible e, de feito, existen outros consorcios en Galicia que funcionan moi ben. Esta fórmula é vista con moito interese polos educadores ambientais; algúns colegas brasileiros xa se puxeron en contacto con nós para estudar a posibilidade de importar a idea. —¿Por qué en Oleiros? —Deste concello partiu a iniciativa de crear un centro de referencia en materia ambiental. Logo de mercar o Castelo e a Illa de Santa Cruz, os responsables municipais pensaron que esta sería a mellor ubicación e así naceu o Ceida. —Co cambio de goberno autonómico houbo unha reorganización do organigrama e unha única consellería asume as competencias de Medio Ambiente e Política Territorial. ¿Que lle parece esta fusión? —Son partidario de que exista unha Consellería de Medio Ambiente específica, igual que me gustaría que houbese un Ministerio de Medio Ambiente. Entendo, por outra banda, que na actual situación socioeconómica existen motivos para que se fusionen as compentencias. O importante son as persoas que dirixen as institucións, non a súa denominación. —Conservación de la Naturaleza depende agora da Consellería de Medio Rural. ¿Cómo lle afecta ó centro? —Non supón ningún cambio para o noso funcionamento porque orgánicamente dependemos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible. A nosa relación, en todo caso, non se queda na Consellería de Medio Ambient e . Compartimos proxectos con outros departamentos: Educación, Pesca, Industria, Turismo, etc. —Un dos obxectivos do Ceida é fomentar a conciencia crítica. ¿Non hai espírito crítico? —Non somos conscientes dos perigos, nin dos riscos. Os problemas non deixan de aumentar e o proceso de deterioro ambiental é imparable, non só en Galicia, a nivel planetario. —¿A crise económica mandou á sombra á crise ambiental? —Posiblemente. Son crises que van en paralelo. Uníronse varios factores, que actúan de xeito conxunto. A crise ambiental, á marxe da situación económica, non deixa de mandar sinais de aviso. —¿Cal é o mayor motivo de preocupación? —O cambio climático, que se manifesta de diferentes xeitos: secas, desabastecemento de auga, incendios, crisis alimentarias nos países do Sur, disminución da terra fértil, desaparición de especies... —Galicia é unha das poucas comunidades que conta cun plan de acción ante o cambio climático. ¿Qué lle parece? —Nos últimos anos deseñouse unha politica correcta e ambiciosa. Cómpre destacar os esforzos do goberno autonómico, en colaboración coa comunidade científica, para analizar as evidencias e impactos do cambio climático. —¿É a galega unha comunidade especialmente vulnerable? — Cada zona ten as súa particularidade, pero o cambio é un fenómeno global. Aquí xorden problemas, como a perda de productividade das rías ou o incremento dos incendios, que noutras partes do mundo non teñen tanta relevancia.

Te puede interesar