Desde que herdou a empresa editorial que seu pai fundara en Lugo en 1977, Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é máis editor ca xornalista e escritor

“O autor ten que ser esixente consigo mesmo”

Alvarellos opina que o papel do autor debe diferenciarse do editor. Foto: archivo
Esa maior dedicación as tarefas editoriais non mermou a súa ansia creativa. Ten publicados cinco libros (‘Territorio auroral’, ‘Galicia en cen prodixios’, ‘Teoría de Lugo’, ‘Descubrir Lugo’ e ‘Diario dun pai acabado de nacer’) e algúns outros gardados na intimidade: moita narrativa, pero tamén algo de prosa poética. Non abandonou nunca a crónica, o seu xénero xornalistico de cabeceira que sempre combinou con artigos de opinión, ensaios e outros formatos.
Henrique Alvarellos traballou en varios xornais, probou coa televisión, púxose do ‘outro lado’cando lle abriron as portas dun gabinete de comunicación e sempre se ofrece como asesor de comunicación. Como editor aproveita esa formación transversal e experiencia multimedia para cada proxecto no que embarca. Leva cinco anos á fronte da empresa familiar e a súa Colección Rescate ven de recibir o premio que a Federación Galega de Libreiros lle outorga á Mellor Obra Editorial de 2008. O galardón recoñece o seu esforzo para recuperar obra esquecida, pero Alvarellos non queda no pasado e sempre ten un ollo no futuro.

—Ese futuro estará cheo de novas ferramentas coma o caixeiro automático de libros que instalaron nunha libraría de Londres, una impresora xigante que permite elixir entre 500 mil titulos e encadernar un volume en cinco minutos. Din os seus promotores que é o maior cambio desde a imprenta. ¿Esaxeran?

—O mundo dixital ofrece posibilidades de cambio que non se presentaron nos últimos cinco séculos, desde Gutenberg. Máis que un cambio, é unha apertura de incógnitas. O futuro do libro, e da lectura, está por ver; ábrense novas canles e non deixan de xurdir diferentes formatos, que ofertan novidosas maneiras de ler. Eu, persoalmente, penso que o libro (en papel) sempre perdurará, aínda que conviva con outros formatos; do mesmo xeito que os xornais de papel terán espazo canda as publicacións electrónicas. Aumentan os esforzos por axilizar o traslado de libros ó lector, facilitando o seu acceso; hai que ter o libro localizado para poder servilo o antes posible. Esas melloras na dispoñibilidade van parellas á continua evolución nos formatos.

—¿Cómo vai cambiar o negocio dos libros coa incorporación de sistemas coma este?

—En dez anos vaise cocer todo o bacallau, reduciránse as tiradas en papel e aumentará o negocio con libros dixitais. Nós, ainda que somos unha editorial pequena, estamos traballando nun proxecto que antes do verán permitirá descargar en formado PDF cinco ou dez títulos por un prezo inferior ó actual. Iso é o principio do cambio, ainda que polo momento só vexamos os alicerces.

—As novas tecnoloxías facilitan tamén que o autor faga unha primeira edición dos seus textos. ¿Que teñen que aportar os editores?

—Agora calquera persoa pode converterse no que queira: editor, vendedor ou distribuidor. Legalmente é posible, pero eu non o considero oportuno. O autor ten que facer un bo texto, o editor deberá preparar o libro, o distribuidor encargarase de poñelo no mercado e o libreiro de vendelo. Eu, que tamén son escritor, non edito os meus propios textos.

—Hai quen di que o editor debe ser coma o árbitro nun partido de fútbol; a mellor loubanza é dicirlle que non se nota a súa presenza. ¿Ten que ser invisible o traballo do editor?

—Sí, é certo. O editor ten que ser coma o árbitro, ou o director da orquestra, ou o produtor dunha película. Aínda que hai diferentes clases de editores e non sempre se visibiliza o seu traballo, implicámonos e facemos propostas durante todo o proceso: maquetación, deseño, promoción e distribución.

—Cada caso é diferente e non convén xeralizar, pero ¿cal é a relación ideal co escritor?

—O autor ten que ser esixente consigo mesmo e seguir o proceso ata o final. A relación do editor co escritor baséase no diálogo e a negociación ata chegar a un consenso. Aínda que o autor teña un título para a súa obra, o editor pode propoñerlle outro máis comercial; do mesmo xeito que o escritor pode suxerir modificacións na imaxe ou o deseño proposto pola editorial.

—Outra opción é a adoptada pola Editorial Alvarellos coa colección Rescate e recuperar a obra esquecida de autores cos que, por razóns obvias, non hai posibilidade de negociar. É algo totalmente distinto porque hai moito traballo de busca e selección. ¿Son máis as dificultades que as ventaxas?

—Sí, hai máis dificultades porque algunhas obras teñen os dereitos menos accesibles e hai que negociar cos herdeiros; coñezo casos nos que hai implicadas catro ramas familiares. Esta colección ten o esforzo engadido de mergullo en arquivos e bibliotecas desde o Rexurdimento ata os nosos días.

—Atopou moitos textos inéditos, pero ¿qué queda por descubrir?

—Non se sabe. Os rumores sobre obra oculta veñen circulando desde hai moito tempo. As xeracións anteriores traballaban moito e escribían máis do que publicaban, deixaban textos en xornais e revistas que nunca saían á luz. Hai moita obra dispersa de diferentes autores, como Neira de Mosquera ou María Mariño, que lle confiara a Anxel Fole a súa custodia. Sei dalgunhas obras que permanecen na escuridade e agardo poder sacalas á luz en pouco tempo.

—Esa obra de María Mariño saiu o ano no que lle dedicaron o Día das Letras. ¿Casualidade ou oportunismo comercial?

—Houbo algo de casualidade. Atopeina nunha visita á biblioteca de Juan Soto, cando estabamos revisando manuscritos de Ánxel Fole. Soto decatouse de que tiña esa obra de María Mariño e pedínlla. Nin o seu custodiador sabía que estaba alí.

—¿Por qué pensa que a Federación de Libreiros de Galicia premiou a Colección Rescate como a Mellor Obra Editorial de 2008?

—Somos unha editorial pequena que pon todo o seu esforzo para conseguir unha edición coidada e un deseño pensado. Á marxe desta parte estética, o galardón tamén recoñece a traballo de recuperación para sacar á luz obra inédita ou dispersa de Cunqueiro, Risco, Otero Pedrayo, Cela ou Leandro Carré.

—Vostede segue o traballo iniciado por seu pai. ¿Cales foron os consellos que máis lle repetiu el?

—’Segue con isto, aínda que sexa como hobbie’. Fíxenlle caso e a edición absórbeme cada día máis tempo. Herdei unha editorial histórica que vai camiño dos 33 anos e agardo chegar ata o medio século. Imos inaugurar a nova sede en Compostela na rúa Sempre en Galiza, fermosa casualidade, e imos asentándonos.

—¿Recomendaríalle ó seu fillo que se dedicase á edición? ¿Ou están moi mal o panorama?

—É difícil vivir da edición en Galicia. Hai que facer outras cousas e eu compaxínoo co xornalismo, a creación literaria, a asesoría de comunicación e outras actividades. É un traballo bonito, e o bonito adoita ser difícil.

—¿Recomendarialle ser escritor ou xornalista?

—Nestes momentos non lle recomendaría o xornalismo porque as cousas tampouco están ben. Os meus fillos son moi novos (seis e dous anos) e a situación pode mudar. É bonito que un fillo lle axude ó seu pai, pero eu sempre andiven por libre.

Te puede interesar