Xacobe Mouriño. Integrante da banda viguesa Dioivo

Xacobe Mouriño: “O metal en Galicia é unha escena subterránea con bos grupos”

Xacobe Mouriño, na visita a Atlántico TV.
photo_camera Xacobe Mouriño, na visita a Atlántico TV.

Xacobe Mouriño, guitarrista, forma con Dani Valadares, batería, Dioivo, un dúo vigués de metal que o vindeiro 9 de xuño sacará o seu cuarto álbum, “Cara os Ceios Incrementes”, traballo do que falou en Atlántico TV.

Un nome complicado para un disco.

É unha das frases de “Hai sede na nova Galicia”, tema do poema homónimo de Delgado Gurriarán ao que pomos música polas Letras Galegas. Gustounos, pensamos que era un bo título. Ata agora chamabamos aos discos Dioivo 1, 2 e 3, a xente acababa facéndose un lío cos números.

Resulta curioso que unha banda de metal cante aos poetas galegos.

É certo que na música metal non hai tantas adaptacións da literatura galega coma noutros estilos musicais. En 2014 tiñamos outro grupo no que cantabamos en inglés. Presentámonos ao concurso “Musicalizando a Rosalía” co tema “Sempre pola morte esperas”, gustounos como quedou e aí naceu Dioivo. Aínda que a maioría das cancións teñen letras propias en galego, tamén facemos versións. Neste disco, amais da de Delgado Gurriarán, temos “Que importa que nos craven as cadeas”, de Darío Xohán Cabana e “Retorno a Tagen Ata”, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Teñen potencial letras como as de Ferrín para ser musicalizadas?

“Retorno a Tagen Ata” foi  un desafío. É unha pequena novela complexa, que non foi doado levala a música, é moi simbólica e mítica. Gústanos moito e quixemos intentalo. Méndez Ferrín prestouse a colaborar na narración dos temas, quedou moi ben coa súa voz potente. Foi unha honra traballar con el. Dura uns doce minutos, compaxinando as voces dos personaxes coa narrativa da obra.

Coa combinación de música metal e letras da literatura galega cal é o público de Dioivo?

Movémonos no ámbito do metal en Galicia, unha escena subterránea, de nicho, pero con moita xente e grupos moi bos. En principio vai dirixida a este público, pero é certo que ao adaptar textos da literatura  e cantar en galego, fai que nos aprecien un pouco os seguidores da nosa lingua. Hai pouco metal en galego, é máis normal no folk, no rock ou no rap, tamén hai un bom na música urbana. 

Chega cun dúo para formar unha banda de metal?

É algo que se está a por de moda, cada vez máis dúos. Simplifica as cousas. Aínda que ás veces bótase de menos un baixo, é moi doado mobilizar só a dúas persoas, somos menos a pagar, pero tamén menos a recibir. Ten as súas vantaxes e os seus inconvintes. 

Na súa posta en escena destaca a súa guitarra de dobre mástil.

É máis visual que outra cousa. Ao ser só guitarra e batería, téntase sacar os máximos rexistros posibles. Hai temas que quedan ben con doce cordas, pero outros que soan mellor con seis. Fíxenme coa guitarra de dous mástiles para poder tocar as dúas a vez nun directo. É un instrumento mítico dos anos 70, pero que agora non se ve tanto porque hai que lle dar moito uso para que compense. Chama moito a atención, hai xente que se queda máis coa guitarra que coa música.  

Que ten Vigo para xurdan tantos grupos?

Aquí hai unha escena tremenda, non tan coñecida como na época na Movida, pero a envexa doutras cidades. Aínda que cada vez é máis complicado, con menos salas de concerto e menos locais de ensaio. Existen contra vento e marea, o mérito é dos grupos que seguen a dar o callo. 

Te puede interesar