Álvaro Gago, director de 'Matria'

Álvaro Gago, cineasta vigués: "Matria' propicia a apertura de fronteiras e aprender dos demais"

Álvaro Gago, na súa visita a Atlántico TV.
photo_camera Álvaro Gago, na súa visita a Atlántico TV.

Álvaro Gago (Vigo, 1986) gañou hai cinco anos o festival de Sundance coa curtametraxe “Matria”. Ven de estrear nas salas comerciais a longametraxe co mesmo título, no que regresa á historia inicial.  O cineasta visitou o set de Atlántico TV e falou sobre as primeiras sensacións que espertou a súa nova proposta. “É unha película para ver nos cines, a experiencia colectiva conta moito”, afirmou.

 

 

“Matria” ven dunha curta anterior, supoño que será un proxecto moi especial.

Comezou no ano 2017, cando rodamos a curta homónima, a  súa irmá maior, é na mesma contorna, a de Arousa, a zona da familia do meu pai. Xa daquela eu tiña a idea de expandir o seu universo, non porque a  curta non tivera sentido en si mesma, xa que cada formato dá distintas posibilidades. Había relacións que se intuían como a de Ramona coa filla ou coa súa parella, que puiden desenvolver na longa, así como outros temas que me apetecía tratar. Ramona manexa un humor que na curta quedaba tapado, un humor que ten que ver cun modo de estar no mundo, de existir. Na primeira cinta deixábamos á  protagonista sometida nunha rutina moi castrante. A idea de seguir con elo estaba alí.

O resultado é unha Ramona forte, moi galega, que leva o peso da historia.

É forte porque tivo que facerse así. Vive nun entorno moi agresivo que foi forxando o seu carácter. Ás veces a penaliza, porque ante a imaxe mais estendida de muller submisa, recatada, ela responde e confronta. Iso resulta máis complexo de dixerir.

Moitos dos comentarios en redes destacan a capacidade da película para amosar a verdadeira muller galega, lonxe de tópicos como o matriarcado.

O que realmente recibimos é o agradecemento por unha presentación real dunha muller con todas as súas arestas. Algúns cineastas buscan a empatía do público describindo personaxes blanqueciñas, sen matices. Ramona é poliédrica con tódolas súas virtudes e defectos. A xente agradece verse recoñecida nestas imaxes. 

Chegou ás salas despois de triunfar en festivais e co premio a mellor actriz en Malaga para María Vázquez precisamente por Ramona. Esto facilita a estrea comercial?

Levamos dous premios. O de María foi o máis importante, mais tamén recibimos o de mellor película ópera prima. Xa foi unha pasada ter pasado pola Berlinale, pero estrear en Málaga foi incrible. É un festival no que programan un cine co que me identifico. Puidemos levar a Francisca, a semente desta historia. Sentou o meu carón e chorou en toda a proxección. Nós xa estabamos premiados, pero este tipo de recoñecementos dan un empurrón para chegar máis fortes ás salas de cine.

E falando de Berlín, como foi a experiencia na Berlinale?

Marabillosa. Unha experiencia de vida que nos gardamos no peto e no corazón. Os teatros son esplendorosos e recibiron a película con moita calidez tanto polo propio equipo de festival como por parte do público. Deron oito pases e esgotáronse as entradas en todos. No intercambio coa xente e coa crítica, vimos como calaba a nosa historia nos espectadores e coñecemos novas lecturas das que aprendemos. Rosalía de Castro ten un escrito, que garda relación co final de “Matria”, no que dende a súa cama, antes de morrer, pide ver o mar como o goce de ir máis aló cara ao coñecemento. Isto foi o que experimentamos en Berlín de xeito moi intenso e coa película, pois propicia a apertura de fronteiras e aprender dos demais. 

Están agora nese momento de recibir as impresións do público?

E non pode ser máis intenso. Recibimos a emoción das persoas que senten a película nas súas entrañas, todo o que nós descargamos ao facela, puxemos todo de nós. Escríbennos mensaxes marabillosas coñecidos e descoñecidos. Esa é a verdadeira recompensan.

Con todo, xa ten outro proxecto en mente, “Porto Alegre”. Que pode contar?

A película rematouse en xullo de 2022 e aínda tiña que agardar ata a estrea, un tempo que é difícil de xestionar. Conto co apoio dos meus dous fillos, que son os que tiran de min cara a terra, e da miña parella, mais tamén dunha nova ilusión. As ideas pululan por aí, temos que estar atentos e cando aparece algo agarralo. O proxecto localízase en San Cibrao, na Mariña lucense, a terra da miña nai. Aínda está moi incipiente, vaime levar a un territorio inexplorado para min, pero o cine ten que ter algo de reto. Teño moita gana de enfangarme. Aínda que agora hai que estar aquí con “Matria”, que o merece.

Outra vez a paisaxe volve a ter unha grande importancia.

Aquí con especial énfase dende o inicio, porque san Cibrao é unha península, só cunha conexión á terra. Dentro hai unha antiga fábrica de salazón, que volve ser unha península. Se me dan os permisos, aí é onde vou filmar. Pasei moito tempo na miña nenez, os adultos dábannos cancha, porque pola súa estrutura, só había unha escapatoria, un punto que tiñan moi controlado. É un tempo que quedou suspendido na infancia, metido nese espazo. Esa sensación é a que vou tentar contar. Para min é un lugar máxico.n

Te puede interesar