En Vigo medra o castelán, onde máis se fala en Galicia

O concerto “O soño dos golfiños”, celebrado onte polo Día das Letras Galegas no auditorio do Concello.
photo_camera O concerto “O soño dos golfiños”, celebrado onte polo Día das Letras Galegas no auditorio do Concello.

Os estudos coinciden en que o uso do galego baixa con forza nas cidades e mantense nas comarcas. En dez anos, a caída ten sido moi relevante entre os vigueses
 

Vigo é o concello máis castelánfalante e cada vez con maior forza. O paso dos anos confirma que a primeira cidade de Galicia é tamén onde menos se escoita falar galego. O sorprendente, polo menos ata certo punto, é que ao mesmo tempo que creceu a porcentaxe de persoas que coñecen o galego e apréciano segue aumentando o número de vigueses que optan de forma única ou preferente polo castelán. Os datos son realmente rechamantes, tanto na evolución como na relación co resto de concellos, en especial na comparación coas outras seis cidades. En concreto, segundo o último informe realizado polo Instituto  Galego de Estatística (IGE),  Vigo é o municipio onde o castelán ten maior presenza e non só na cidade, senón tamén na súa área metropolitana, alcanzando o 85 por cento do total entre os que non empregan o  idioma propio da comunidade e os que o fan de forma secundaria: un 45,3 por cento da poboación da cidade sempre fala en castelán e outro 39,5 emprega moito máis o castelán que o galego. Só o 3,8 por cento dos vigueses exprésase sempre en galego e apenas o 11,3 faio de forma preferente. Na área metropolitana (os concellos vecinos do Louro, Miño e Redondela) hai algo máis de uso do galego, pero o castelán suma o 75 por cento do total. Ademais, o IGE sinala que no últimos dez anos a situación foi empeorando para o galego ou mellorando para o castelán. En 2008, o 25 por cento dos vigueses falaba en galego de forma habitual ou única, fronte a só o 15 por cento actual. O fenómeno do maior peso do castelán repítese en case toda Galicia, pero non como no caso de Vigo. Só na Coruña pasaría algo parecido: o 82 por cento dos coruñeses fala sempre ou a miúdo en castelán. Fai dez anos eran o 73 por cento, así que o avance foi tamén moi importante.  En ningunha cidade fálase máis galego que castelán. Nin sequera en Lugo, onde case o 45 por cento dos seus veciños exprésase só ou habitualmente en galego. Dez anos atrás eran o 47 por cento: alomenos neste concello pódese considerar estable. 

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas