Inconformismo creativo e solidario

Un cartel cunha ilustración de Xela Arias.
photo_camera Un cartel cunha ilustración de Xela Arias.
Nada en Sarria, o seu traslado a Vigo foi decisivo na sua traxectoria persoal e literaria

Filla de Amparo Castaño López e Valentín Arias López, nace en Ortoá, en Sarria o 4 de marzo de 1962, é a maior de cinco irmáns. Os tres primeiros anos de vida decorren na contorna da Granxa de Barreiros. A actividade laboral do pai está vinculada ao proxecto pedagóxico creado por Antonio Fernández López do que xermolaría tamén o Colexio Fingoi de Lugo, no que inicia Xela Arias estudos de primaria.

En 1969 a familia trasládase a Vigo, cidade decisiva na biografía e na obra dunha “nena de barrio e vida proletaria”, nas súas palabras. Completa ensino primario na Escola Nacional Graduada de Sárdoma en Moledo (logo Colexio Público de Sárdoma- Moledo) onde o seu pai exerce como mestre.

Unha selva de paxaros, un coche de nata, outra selva de leopardos e un soño. Con estes materiais escribe “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”, un dos moitos contos que trenzan a súa infancia. Lémbrase escribindo desde sempre, contos que logo os seus país pasaban a máquina, no inicio moi curtos despois máis extensos. É o caso deste co que gañou o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.

Cando en 1980 Xela Arias decide non presentarse aos exames de COU, toma corpo unha decisión que vai máis aló da rebeldía adolescente, conecta cos discursos críticos que naquela altura cuestionaban a formación académica e plasma a súa ansia de independencia.

A escolla afástaa dos itinerarios previsíbeis, atesourará unha experiencia de vida distante das dinámicas académicas. En 1982 Xela Arias comeza a publicar os seus poemas, o número 3 da revista Dorna inclúe “Vin...”.

Evidénciase axiña a orixinalidade desa voz que comeza a publicar os primeiros textos en revistas, xornais e fanzines e a participar en recitais poéticos. 

No ano 1986 publica “Denuncia do equilibrio” na colección Ventobranco de Edicións Xerais. Poemas indagatorios de linguaxe fracturada que exploran un universo de suxeitos á procura.

Apenas uns meses despois de deixar os estudos, comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia. Con Xulián Maure, director e fundador, e Roberto Pérez Pardo, primeiro director comercial, forma parte do equipo que pon en marcha unha das empresas decisivas da edición no novo tempo político. Desenvolve primeiro funcións de oficinista e dous anos despois incorpórase ao Departamento Editorial, nos apartados de creación e investigación. Entre 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Preparando orixinais, corrixindo textos ou como responsábel de coleccións Xela Arias participa dos procesos de profesionalización da edición e contribúe á configuración do seu tecido.

Co mesmo sentido da responsabilidade e rigor respecto da lingua desenvolve a súa outra actividade laboral. Preto dunha vintena de títulos de autores e autoras como James Joyce, Gianni Rodari, Angela Carter, Bram Stoker, Jorge Amado, Fenimore Cooper, Camilo Castelo Branco, Carlos Oroza ou Baudelaire demostran o seu interese pola tradución.

Galardóns

Recibe a Medalla “Premio de Traduçao Sociedade de Lingua Portuguesa” por “Amor de perdición” de Camilo Castelo Branco (1986, Xerais) e o Premio de tradución Ramón Cabanillas (compartido con Darío Xohán Cabana) por “O derradeiro dos mohicanos” de James Fenimore Cooper (1993, Xerais).

A mediados dos oitenta facía letras de cancións, escribía libros que despois nunca quererá publicar, “Lili sen pistolas” presentado ao Premio Esquío en 1986, esboza proxectos poéticos que desbota, e concreta outros. É o caso do seu segundo libro, “Tigres coma cabalos”, co que abrirá a nova década.

Nos noventa o diálogo é coas fotografías de Xulio Gil ou coa música de Alberto Conde nun recital para o ciclo “O son dos poetas”. 
Despois de dez anos de traballo na editorial Xela Arias decide retomar os estudos. En 1991 comeza Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e posteriormente Galego-Portugués.

Compatibiliza os estudos universitarios coas traducións e o labor como correctora de estilo e editora. Ao mesmo tempo completa formación asistindo a cursos e congresos e mantén a actividade literaria: recitais, encontros, presentacións..., publica poemas en libros colectivos e en revistas.

E cría o seu fillo que nace en 1994. Xela Arias casara en 1992 co matemático e fotógrafo Xulio Gil Rodríguez con quen tiña unha relación desde 1988. Sepáranse xudicialmente en 2002. Da experiencia da maternidade abrolla “Darío a diario”. Publicado en 1996 percorre a vivencia cotiá da maternidade en 23 poemas que no amor polo fillo debullan ao mesmo tempo dúbidas e certezas da autora.

Docencia

A docencia será a ocupación laboral última de Xela Arias. Profesora de secundaria na materia de Lingua e Literatura castelá impartirá aulas en nove centros de ensino en apenas catro anos.

A súa actividade é intensa: traduce (“Drácula” de Bran Stoker, “Venus Negra” de Angela Carter), publica poemas en antoloxías (“Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega”) e en libros colectivos (“Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas”), participa en ciclos e homenaxes (a Lois Pereiro, Francisco Fernández del Riego, Mª Xosé Queizán...), intervén en congresos e xornadas, presenta libros, recita e colabora en accións colectivas. Os últimos anos de vida da poeta están marcados pola súa implicación nun activismo cívico.

En xuño de 2003 sae do prelo “Intempériome”, un rotundo e lúcido libro negro que condensa as liñas máis persoais da súa escrita.
Xela Arias falece o 1 de novembro de 2003. Preparaba co músico Fernando Abreu o proxecto poético musical “Vencerse é cousa de se tratar” arredor do seu último libro.

En outubro de 2018 publícase Xela Arias. Poesía Reunida (1982-2004) con edición, introdución e notas de María Xesús Nogueira Pereira. 

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas