Balonmano

O Porriño exerce un control de acceso moi restrinxido

O Porriño é o equipo menos goleado no que vai de tempada na División de Honra de balonmán.
photo_camera O Porriño é o equipo menos goleado no que vai de tempada na División de Honra de balonmán.
O equipo de Isma Martínez é o menos goleado da liga tras dezaoito partidos

Pechada a cancela. O Conservas Orbe Porriño chega á décimo oitava xornada de División de Honra na quinta posición da categoría e como o equipo menos goleado da tempada. Unha situación conquerida polo traballo defensivo e o bo traballo das porteiras Fátima Ayelén e Ana Belén Palomino. 

Os datos indican que o conxunto louriñés recibiu 383 goles, a unha media de 22.53 por partido, e son datos cos que supera ós dous primeiros conxuntos da clasificación, o Málaga (segundo) e o Elche (líder). O equipo andaluz recibiu 391 (23) e o ilicitano, 392 (23.06).

“Estamos moi contentos. É algo un pouco anecdótico, pero que fala do rendemento do equipo. A nivel de ataque non estamos a un nivel para estar nesas posicións, pero grazas á defensa si que o facemos”, expresou o adestrador do Porriño, Isma Martínez. 

Unhas cifras que se acadan grazas ó gran  traballo semanal porque “dende hai unhas tres tempadas adicamos moito tempo de adestramento á mellora individual defensiva. Dende que optamos por cambiar o modelo para pasar a enfocarnos en facer moito máis tempo desa mellora e non tanto na preparación do partido. Nótase moito porque perdemos poucos un contra un e o sistema de axudas é moito más eficiente”. 

Unha situación colectiva que se engade ás persoais, a atopar as pezas precisas. “Temos defensoras especialmente intelixentes. A nivel físico non temos a envergadura ou a forza doutros equipos, pero son boas por anticipación. Non estamos en niveis de forza que pode ter o Bera Bera, por exemplo. Elas gañan moitos duelos defensivos dende o físico, co contacto, e nós nos decantamos polo técnico-táctico. Eran dous estilos diferentes de neutralizar ó rival”, describe Isma Martínez. 

Deste xeito, conta con moitas variantes tácticas para neutralizar e condicionar ó opoñente. En, sobre todo, "o principal é que ás xogadoras gústalles defender. Tomáronlle o gusto á defensa e gozan con esa faceta porque facemos moitas trampas ó rival e executamos diferentes tácticas de xeito que non se fai monótono”. Sen o material humano na pista, os debuxos tácticos son imposibles de facer. 

E, como é habitual para non encaixar tantos e máis no balonmán, “por primeira vez temos unha portería na que as dúas altérnanse e están parando ben. Estamos moi contentos co seu rendemento e igual levan dous encontros nos que paran menos, pero todos o asinarían. Elixo a porteira en función do rival e as súas zonas de finalización. Temos dúas gardaredes diferentes, que paran en diferentes sitios e imos acertando”.

Te puede interesar