A resposta que non quixera atopar

A resposta que non quixera atopar

Non é normal, aínda que tamén é certo que mentiría se dixera que me sorprende. Porque non é normal en absoluto a reacción que calquera escalada no conflito palestino-israelí suscita entre os nosos medios de comunicación e consecuentemente entre moita xente. 
Persoas de normal sosegadas chegan a perder a mesura, e incluso en moitos casos foxen por completo do raciocinio botando a lingua a pacer dun xeito tan brutal que nestes días estamos a ler cousas, principalmente na rede pero tamén nos medios, que teríamos que remontarnos á Europa dos anos 30-40 ou ir directamente as hemerotecas á procura daquel infausto panfleto da Alemaña nazi chamado Der Stürmer para atopar barbaridades de tal magnitude. 
Vivimos en tempos de gran popularización da internet, coa súa grande capacidade para democratizar o acceso á información. Un factor sen dúbida positivo. Pero o reverso da moeda é que  tamén é moito máis doada a posibilidade de inzar de mentiras, medias verdades e terxiversacións calquera nova con só ter un computador a man, unha tablet ou un simple smartphone.
Digo isto porque a pesar a enorme facilidade que temos para recibir, contrastar e transmitir informacións, hai cousas incomprensibles. Estes días estamos a vivir unha dura escalada no conflito provocado por Hamas e que levou a resposta de Israel. Non cualificarei de proporcional ou desproporcional a resposta israelí como ninguén cualifica de proporcional ou non a ofensiva militar do goberno de Ucraína contra os rebeldes separatistas prorrusos por exemplo. Nin en Ucraína nin en ningures. Ninguén demanda nunca proporcionalidade militar a non ser cando un dos actores é Israel.
Ademáis, de que estamos falando cando falamos de “proporcional”? Sería por exemplo que se Hamas e Yihad islámica dispararon, poñamos por caso, 3000, 4000 mísiles e foguetes indiscriminadamente contra a poboación civil israelí, debería entón Israel en “reciprocidade proporcional” disparar esa mesma cifra de mísiles tamén indiscriminadamente contra a poboación gazatí? Sen dubida ese disparatado escenario tería multiplicado o número de vítimas ate cifras infinitamente superiores as actuais. En todo caso esta é unha mera pregunta retórica xa que estou seguro de que a única proporcionalidade que moitos dos críticos de Israel e do seu dereito a existir aceptarían sería a de non facer nada. Soportar estoicamente o constante ataque terrorista contra os seus cidadáns dende a Faixa de Gaza. 
A todos os que militamos na nosa condición humana dóennos profundamente a terríbel dor e o sufrimento das vítimas civís, non só en Gaza ou en Israel, tamén noutros moitos lugares do mundo. Dóenos e desexamos a fin definitiva das constantes ameazas de violencia que disparan espirais que dende o mutuo recoñecemento palestino-israelí ao dereito a existir, nunca se dispararían. Porque neste actual conflito non podemos esquecer que é Hamás quen provoca e comeza un enfrontamento no que os gazaties son os seus propios reféns, gazatíes que poden e deben vivir en paz e boa veciñanza con Israel, para o cal é preciso que a Faixa de Gaza volva ser administrada pola Autoridade Nacional Palestina e non polos ditados do fundamentalismo islámico de Hamás. E aquí chegamos a grande anormalidade que rodea a este conflito palestino-israelí por estes lares.
Porque moitos dos que estes días escriben e falan alporizados pola operación militar israelí contra o grupo islamofascista Hamás, non tiveron nin teñen unha reacción nin por asomo semellante en outros moitos duros conflitos que desgraciadamente inzan o mundo. E moitos escriben e opinan dando por certa toda a información que Hamás permite aos medios enviar é que é aceptada como verdade absoluta sen necesidade de verificar ou contrastar as informacións. Algo así como se despois do atentado contra Hipercor fora a propia ETA a encargada de elaborar o informe para os medios e nós deramos crédito a esa información.  
Estes días a poucos kilómetros da Faixa de Gaza, na castigada e esquecida Siria, en só 48 horas na fin de semana do 19 e 20, máis de 700 persoas morreron no transcurso dos violentos choques entre forzas gobernamentais e rebeldes. E son xa máis de 150.000 os mortos e preto de 3.000.000 os desprazados e refuxiados da guerra civil siria. Mesmo sen saír de Siria, vaiamos a periferia de Damasco onde está situado un dos maiores campos de refuxiados palestinos, Yarmuk, con 160.000 residentes e que dende hai un ano sofre o asedio implacable das tropas de Assad e de grupos yihadistas coa denuncia pública da UNRWA (axencia de Nacións Unidas para os refuxiados palestinos) e da Media Lúa Vermella sobre a “apocalíptica situación pola que atravesan os residentes en Yarmuk”. Sen a posibilidade de entrar nin saír, nin de abastecer practicamente de nada aos residentes no campo. Nin víveres nin asistencia médica. O cal ten provocado centos de morte por fame e frío ademais das vítimas do conflito armado. Non é este un bloqueo que abre e pecha pasos fronteirizos para a entrada e saída de mercadurías e persoas, é un asedio militar puro e duro. E aquí ninguén di absolutamente nada destes palestinos seica invisibles se non teñen a sombra de Israel.
Podería estenderme na infinidade de conflitos esquecidos nos catro puntos cardinais do globo, algún na nosa propia Europa, a moi poucas horas de voo desde Galicia, outros como Iraq e a terrorífica brutalidade xenocida do Estado islámico, e moitas outras guerras e conflitos con milleiros ou incluso centos de miles de desprazados e mortos, mais penso que só e pola súa proximidade xeográfica coa Faixa de Gaza o exemplo de Siria e Yarmuk son máis que dabondo. 
E insisto, ninguén convoca manifestacións, nin concentracións, nin fai declaracións, emite comunicados en condena do “xenocidio” sirio. Ninguén reclama o boicot a Siria, como ninguén o reclama contra ningún outro estado no planeta. Só un estado no mundo é merecente dos chamados dos nosos solidarios selectivos ao boicot e a mobilización. O estado xudeu de Israel.
A resposta ao porque desta escandalosa dupla vara de medir contra Israel é tan obvia, e como europeo tan dramática, que quixera non atopala...