MARTIÑO NORIEGA Alcalde de Santiago de Compostela

“A miña relación con Vigo está lonxe de debates entre institucións; o meu universo é o país”

O editor Manuel Bragado, con Martiño Noriega e o xornalista Daniel Salgado, onte, en Andel.
photo_camera O editor Manuel Bragado, con Martiño Noriega e o xornalista Daniel Salgado, onte, en Andel.

Martiño Noriega (Coruña, 1975), alcalde de Santiago de Compostela e un dos rexedores das Mareas, visitou onte á Vigo para presentar “A contradición permanente”, o libro no que  conversa co xornalista Daniel Salgado.


Como se sinte o rexedor de Compostela nesta cidade?
A miña relación con Vigo está lonxe de debates entre institucións. Teño amigos aquí, que para min é apaixoante, o motor de Galicia. Collo distancia das posturas dos alcaldes, todo o meu universo é o país e Vigo pasa por ser o seu motor.


No libro que presentan fai unha reflexión dos últimos anos na política galega a través das preguntas de Salgado. Que motiva esta análise? Precisaba dun alto no camiño?
Había unha necesidade mutua. Pecha un ciclo de cinco anos que comezou co novo goberno de Feijóo. Chegou o momento de parar recapitular, contextualizar, render contas e deixar un relato.


Arrepíntese dalgunha das decisións tomadas?
O libro non entra en debates nominais, nen en disputas hexemónicas. Aborda as medidas levadas a termo para  facer fronte ao PP. Analiza a ruptura do BNG, o xurdimento de AGE, a chegada das Mareas. Documenta os esforzos que se fixeron para tentar unha alternativa, houbo conquistas e derrotas. É melancólico, pero sen renunciar a nada. Supuso un ano de traballo, tiras e afloxas. Finaliza co tema de Cataluña e albíscase unha etapa máis regresiva.


Esta visión tan pesimista é porque se fallou ou porque faltou tempo?
Hai quen falou nun pesimismo no movemento, pero sen renunciar a nada. Está activo, pero hai que ser conscientes de que as cousas mudan. Este é un libro honesto, escrito para os que están fóra da política. A creación dun espacio desta ambición consíguese de xeito máis demorado. Tentouse lograr axiña unha unidade popular moi variada, pero pola urxencia histórica do momento, faltou tempo. Agora entramos nunha etapa que non agardabamos, máis represiva e con menos motivación.


Coa súa experiencia, como vivíu a entrada das plataformas cidadáns en política?
Teño 42 anos, pero levo politizado dende a facultade. Este último tempo foi apaixoante ao tentar construir un único espazo entre as contradiccións das teorías e dos proxectos. Pero teñen que crer nel tódalas partes, para buscar un resultado común que valga aos cidadáns.


A  alcaldía de Compostela restoulle presenza na política autonómica. Foi premeditado?
A alcaldía réstame moita enerxía, gobernar a capital do país supón un gran reto, que me absorbe. Tamén penso que facer política en Santiago é facela en toda Galicia. A miña vida redúcese a Santiago e a miña familia, e non é doado de compaxinar.


Non hai alonxamento con Villares?
Hai as diverxencias normais, pero sempre que podo, aporto. Non participo máis porque non teño enerxía. Estou noutro tipo de cuestións. As presentacións de “A contradicción permanente” son os martes pola tarde porque é o tempo que teño libres.
O libro adícallo a súa familia, a Beiras e a Compostela Aberta.
Á familia é fundamental, a miña nena de 3 anos e outro que ven en camiño, porque me acompañan nesta pelexa; a Beiras porque é un amigo dos que se contan cos dedos da man, aprendo moito con el e atópase latexante en todo o libro, e Compostela Aberta porque é un espazo amable e participativo.

O libro incómodo de Daniel Salgado

 Daniel Salgado asina “A contradición permanente. A conversa sobre cinco anos de política convulsa (2012-2017)”, que recolle a análise que fai co alcalde de Santiago, Martiño Nogueira. “A el gústalle dicir que é un libro incómodo porque non se censura nada, fala de todo; se alguén bota en falta algún tema é culpa miña, do xornalista que non o abordou”. Onte, Salgado acompañando polo entrevistado e polo editor, Manuel Bragado, presentou a obra na librería Andel. A elección do personaxe xustifícaa porque “é unha figura estivo en todo o proceso que vivíu a esquerda galega nestes cinco anos como figura pública ou como negociador”. Chamado a ser o fillo político de Beiras, o autor sinala o respeto que o lider nacionaista sinte polo rexedor compostelán. Salgado escribíu este libro como “un documento do que pasou” dende a ruptura do BNG, a primeira consecuencia da crise, ata En Marea de Villares e a intervención do Rei polo  conflicto de Cataluña. O final deixa entrever a preocupación dunha situación social “que máis alá da política, está virando cara a dereita” e onde, afirman, a esquerda ten que buscar unha saída.n

Te puede interesar