VIGO

O médico vigués Manuel Esteban gaña o Xerais coa súa primeira novela

Os escritores David Pérez, Manuel Esteban e Iria Misa, onte, na Illa de San Simón, tras recibiren os Premios Xerais de literatura.
photo_camera Os escritores David Pérez, Manuel Esteban e Iria Misa, onte, na Illa de San Simón, tras recibiren os Premios Xerais de literatura.

O Jules Verne de literatura infantil foi para outra novel, a gondomareña Iria Misa, e o Merlín para David Pérez Iglesias

Os Premios Xerais de Literatura, os máis prestixiosos dos que se outorgan en lingua galega e que foron entregados onte, sábado, na illa de San Simón, recoñeceron este ano, nas súas distintas categorías —novela, literatura infantil e literatura xuvenil—, tres obras que coinciden polo seu carácter realista, ubicadas na Galicia actual, nas que se trata de interpretar e dar voz aos problemas da sociedade contemporánea. En dous dos casos, coincide asemade en que as obras premiadas supoñen a estrea dos seus autores coma escritores.
O Xerais de novela, dotado con 10.000 euros e que acadou a súa 33 edición, foi para “A ira dos mansos”, obra do debutante Manuel Esteban Domínguez, médico vigues coñecido por ter sido durante oito anos vicepresidente da asociación Downvigo. O xurado salientou o seu “estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down”. “En definitiva, A ira dos mansos é unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto”.
O Premio Merlín de Literatura Infantil foi para “Todo o tempo do mundo”, de David Pérez Iglesias (Ames, 1962), escritor, guionista e profesor de lingua e literatura no IES de Porto do Son e que ten unha ampla traxectoria literaria. “É unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia”, explicou o xurado.
Finalmente, o Premio Jules Verne de Literatura Infantil foi para outra autora novel, Iria Misa Peralba (Gondomar, 1983), licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino de secundario, por “Xa estou aquí”. A obra narra a historia dunha rapaza de Bacharelato. “A novela comparte directamente cos lectores e lectoras os seus desacougos, os seus medos, as súas inseguridades, pero tamén os seus ideais e as súas ilusións”.
Os premios foron entregados no decurso dunha gala literaria que contou coa presenza dunhas 300 persoas.

éxito da editorial Xerais
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada salientando o feito de que Xerais, tras trinta e sete anos de historia, superara 2016 os catro mil títulos publicados en lingua galega nun catálogo de mil trescentos autores e autoras e os once millóns de exemplares vendidos, cifras que cualificou de “éxito colectivo”. Tamén interviu a escritora Ledicia Costas cun discurso adicado á chamada Xeración Lamote (o personaxe creado por Paco Martín en 1985) e vindicando o papel das mulleres na literatura galega, para que “a súa presenza actual no sistema literario galego siga gañando forza”. n

Te puede interesar