vigo

Martin Codax, primeiro embaixador de Vigo

Camiño Noia, Manuel Corbacho, Xosé-Henrique Costas e Xosé Leal, na inauguración do simposio.
photo_camera Camiño Noia, Manuel Corbacho, Xosé-Henrique Costas e Xosé Leal, na inauguración do simposio.

O simposio “E irei madr´a Vigo” comezou no Cambón coas sete primeiras charlas sobre as cantigas que se mostran no Museo do Mar

O Museo do Mar expón ata marzo o pergamiño Vindel, a xoia da literatura medieval galaico-portuguesa que contén sete cantigas de Martin Codax, seis delas acompañadas de cadansúa partitura. Co gallo deste empréstimo histórico feito por Morgan Library de Nova York á Universidade de Vigo, medievalistas e filólogos de toda Europa analizan e contextualizan dende onte os poemas do trobador.
O punto de arranque deuno na inauguración a filóloga Camiño Noia, coordinadora do comité organizador, cando lembrou que as cantigas de Martin Codax son o primeiro texto escrito onde aparece o nome de Vigo. Porén foi máis aló e asegurou que o pergamiño en si “supón un símbolo de identidade e de pertenza a un país con lingua e literatura propias dende hai oito séculos”. Tanto para Noia, como para o representante de Cultura da Deputación Provincial, Xosé Leal, reivindicaron os textos como ferramenta para incrementar o orgullo da lingua e do país. Ambos formaron parte de mesa inaugural, onde tamén participaron Xosé-Henrique Costas, vogal do Comité e Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra.
O catedrático da Universidade de Roma, Vicenç Beltrán foi o encargado de abrir o programa de traballo contextualizando a Martin Codax na poesía do seu tempo. Fixo un repaso pola súa estructura moi peculiar e característica dos trobadores galaico-portugueses. Do seu texto falou nos elementos simbólicos da natureza, comúns nas literaturas da época. Finalmente, englobou as cantigas dentro da tradición oral das cancións de muller. 
Mariña Albor, Manuel Pedro Ferreira, Antonio Resende de Oliveira, Yara Frateschi Vieira, Ria Lemaire e J. Antonio Souto participaron nesta primeira xornada, onde fíxose un achegamento ao documento, falando da súa historia, analizando a súa música, os seus textos e a sociedade medieval á que pertence.
Hoxe finalizará o simposio centrándose la lingua, na grafoloxía ou a métrica. O académico Xesús Alonso Montero que puso en relación o pergamiño medieval con Galicia.

Ria Lemaire Medievalista

‘Puido ser un xoglar de calidade que recolleu cantigas das mulleres da súa terra’

nnn Ria Lemaire, da Universidade de Poitiers, é especialista en literatura medieval en linguas románicas. Onte disertou sobre as personaxes femininas nas cantigas de amigo, tema do que falou para Atlántico.

Que se sabe da muller medieval?
A visión que temos agora da muller medieval foi creada no Renacemento a partir de copias do século XVI de dous cancioneiros, así como do imaxinario burgués e patriarcal do século XIX. Defendían un modelo social encabezado polo home.

Que din delas as cantigas?
O seu papel social na Idade Media é moi diferente o que pensamos. Sempre falando das clases privilexiadas, os homes eran guerreiros ou relixiosos, mentras as mulleres eran as que aprendían a escribir e a administrar os bens.

É compatible coa tese defendida por Camiño Noia que defende que o autor das cantigas de Martin Codax foi en realidade unha muller?
É compatible con esa tese. O problema é que hai unha confusión, porque na Idade Media, nen os nobres, nen os trobadores escribían. Eles eran os que as compoñían. Son dictadas e expresións orais, posiblemente transmitidas. Eu detectei o estilo das cantigas por toda Europa, incluso en Mozambique. Estructuras semellantes eran aínda cantadas en en terras galegas e no Alentejo nos anos 70. As mulleres rememoraban composicións populares e improvisaban sobre elas como nas cantigas.

Entón quen foi Martin Codax? Hai algunha certeza?
Sabemos que non foi un escritor, nen un autor, segundo o concepto moderno do termo. A miña hipótese principal como coñecedora da literatura do século XIII é que se tratou dun xoglar de calidade, un gran poeta e compositor, que tiña un gran repertorio, onde recolleu as cantigas que cantaban as mulleres da súa terra. Sabemos que as entonaban elas porque cando os trobadores as reproducían, agudizaban a voz, tal e como recolle os arquivos da Igrexa.n
 

Te puede interesar