PEDRO GÓMEZ-VALADÉS PRESIDE A ASOCIACIÓN DE AMIZADE CON ISRAEL

"Hamas non busca nin de lonxe unha palestina democrática e en paz, senón un califato"

Non son tempos doados para ser presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, pero o vigués Pedro Gómez-Valadés  está disposto a explicarse.

Pedro Gomez-Valadés.
Pedro Gomez-Valadés.
"Hamas non busca nin de lonxe unha palestina democrática e en paz, senón un califato"


Como se resolve o de Israel-Palestina?
Boa pregunta! Sen dúbida non hai unha variña máxica para resolver o conflito palestino-israelí. Pero para chegar a ese acordo que é posible e no que creo firmentete, deberanse dar varias condicións. A primeira e fundamental é a plena asunción polas dúas partes do dereito a existir da outra parte. De que Israel e Palestina guste máis ou guste menos a palestinos e israelies están para quedarse. Camiñar nesa dirección implica inexcusablemente recoñecer a fórmula de dous estados para dous pobos. Un estado nacional xudeu e democrático para Israel e un estado nacional árabe e democratico para Palestina. Por suposto as dúas partes terán que facer concesións que serán seguro dolorosas para os dous bandos. E hai tamén un factor básico que debemos contemplar para ter garantía de supervivencia no tempo do acordo de paz. Porque pode ser máis ou menos pouco ententido aquí, pero un pobo como o xudeu que hai só unhas décadas sofriu o exterminio industrial de 6.000.000 dos seus membros ten unha absoluta prioridade existencial pola seguridade. Cousas que creo é fácil de entender vistos os antecedentes. Acadada esa seguridade plena do Estado de Israel todo o demais, fronteiras, asentamentos, capitalidade, refuxiados, etc... son puntos resolubles. Pero sen seguridade plena non haberá nunca paz plena. 

Pode haber acordo con Hamas?
Cando pensamos en Hamas moita xente por aquí non entende plenamente de que estamos a falar. Hamas é un grupo islamista radical que aboga pola destrucción de Israel. Isto é algo que eles mesmos non ocultan, está na súa carta fundacional, textos, comunicados e actuacións constantes onde reivindican e procuran exercer ese exterminio. Porque Hamas é unha organización ideoloxicamente xenocida (pretender eliminar a todos os xudeus de Israel non ten outro cualificativo), totalitaria e terrorista, emprega o terror como arma politico-ideoloxica. Isto non ten posible dúbida, quen usa o terror para conseguir fines politicos ou relixiosos é terrorista, sexa Hamas, Yihad islámica, Estado islámico ou Al-Qaeda. Non perdamos por favor isto de vista. Hamas non é un partido politico como nós entendemos. É unha organización creada para destruir a Israel e impor o islam nun califato. Non busca nin de lonxe unha Palestina democrática e en paz. 

Teñen gañada os palestinos a guerra da imaxe?
 Sen dúbida. Porque a todo ben nacido nos conmove a imaxe da morte dun neno. E Hamas que emprega ao seu propio pobo como refén, como escudo humano, sabe como utilizar as imaxes dramáticas que se producen na guerra. Dicia antes que a todo ben nacido lle conmove a morte dun neno, corrixo, aos dirixentes de Hamas non lles preocupa o máis mínimo e incluso buscan provocar cantas máis vítimas civis e de nenos mellor. 

É doado defender Israel cando se ven as imaxes dos bombardeos?
Eu defendo o dereito que lle asiste a Israel, como a calquera outro estado no mundo, a exercer a lexitima defensa fronte o ataque constante durante anos desde Gaza con milleiros de misiles lanzados por Hamas, Yihad islámica... Por suposto que as imaxes de destrucción que provoca un bombardeo son demoledoras en todos os sentidos. Pero entendo que para ter unha opinión e unha visión axeitada e fundada do que sucede nese enmarañado conflito é imprescindible ter boa información e non deixarse condicionar pola propaganda que un grupo terrorista como Hamas envia ao mundo. Israel actua como calquera estado democrático nas súas circustancias, e defender ese dereito para min non é nin facil nin dificil, simplemente é xusto. 

Cal é a culpa de Israel no conflicto actual?
Se me preguntas polo global do conflito palestino-israelí direiche que a responsabilidade da súa non resolución é por suposto compartida por palestinos e israelies. Sempre o dixen, non estamos diante dun western de bos e malos, nin dunha película en branco e negro. Todo no Medio Oriente é poliédrico, e as dúas partes teñen as súas culpas e as dúas partes teñen que asumilo e obrar en consecuencia se queren vivir en paz como veciños que serán gústelles ou non as partes. Se a pregunta é en relación a actual escalada provocada por Hamas desde Gaza direi categoricamente que a culpa é ao 100% de Hamas. Dende 2005 Israel saiu por completo de Gaza, desmantelou todos e cada un dos asentamentos e a pesar disto, de que en Gaza non hai ocupación nin problemas do trazado das fronteiras, de que a Faixa ten recibido nestes anos moreas de millóns de euros de axuda económica procedente de USA, Unión Europa, estados árabes, UNWRA... finanzamento que podia e debia ter revertido na mellora da calidade de vida dos seus propios cidadáns, pero a furia xenocida e fanática do islamismo insiste en provocar e buscar a confrontación con Israel. Sen importarlle o seu propio pobo nin o seu sufrimento. Estou seguro de que se Gaza estivera gobernada como está hoxe Cisxordania non habería nin bloqueo nin desde logo guerra e o nivel de vida dos gazaties sería como o dos palestinos de Cisxordania onde a economía vai moi ben e o nivel de vida é con moita diferencia o que mellor evolue dos estados árabes da rexión. Pero insisto, o único responsable do que sucede é Hamas.

Cre que hai certo odio a Israel?
Falar de odio é moi forte, pero lamentablemente e sinto ter que dicilo, moito me temo que si. En alguns sectores o que se respira non é a absolutamente lexitima defensa da causa palestina e a crítica tamén lexítima as actuacións do goberno de Israel, o que con demasiada frecuencia atopamos e propaganda antiisraelí, non propalestino. Proba delo e que cando os mesmos palestinos morren en Siria baixo a brutal represión do rexime de Assad a ninguén por aquí parece importarlle. Eu non vin nin lin ningún comunicado de denuncia nin mobilización nas rúas sobre os palestinos mortos en Siria. Moitos non defenden aos palestinos, odian aos xudeus. Si, temos un problema. n