vigo

Cultura, galeguismo e o mundo xurídico despide a Zulueta de Haz

O tanatorio de Emorvisa acolleu onte o velatorio de Alfonso Zulueta de Haz, quen será enterrado hoxe.
photo_camera O tanatorio de Emorvisa acolleu onte o velatorio de Alfonso Zulueta de Haz, quen será enterrado hoxe.

A inhumación terá lugar hoxe, ás doce, trala celebración dos oficios relixiosos no ceminterio de Pereiró, e pola tarde, ofrecerase un funeral na igrexa dos Apóstolos

 Amigos e achegados acercáronse onte á sala 6 do tanatorio de Emorvisa para ofrecer as condolencias á familia  de Alfonso Zulueta de Haz. Faleceu o martes, na cidade, aos 93 anos. Detrás deixou unha vida chea de aportacións en distintos ámbitos da Cultura, das causas sociais e do mundo xurídico.
Notario e intelectual galego, presidíu o Consello da Cultura Galega, pero foi á Fundación Penzol, á que estivo máis ligado nos últimos anos. Hai uns meses, en decembro do ano pasado deixaba a presidencia activa en mans de Manuel Puga, debido seu delicado estado de saúde, aínda que se mantivo como presidente de honra. Ademáis participou activamente noutras fundacións irmás como Isla Couto, Otero Pedrayo ou a Editorial Galaxia.
A súa participación no mundo editorial veu da man da SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), promotora e editora da primeira tradución da Biblia ao galego desde as linguas orixinais.
Pero sen dúbida, o que se entregou con máis paixón, xunto a súa dona, Teresa Fernández Cabaleiro, foi a defensa das persoas con discapacidade. Traballou a través de entidades como a Asociación Xoán XXIII (da que foi fundador e asesor xurídico), a Fundación Tutelar Galega Sálvora, a Confederación Española de Fundacións e a Xunta Directiva da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Pontevedra.
Finalmente, o seu perfil completouse cun compromiso político e militante. Dende as filas do galeguismo participou na fundación do Partido Galego Social Demócrata (1974-1978) e no Partido Galeguista (1974-1982). Ademais, participou na redacción do Estatuto de autonomía de Galicia (1980) no referente ao dereito e idioma galegos como mérito preferente para a provisión de notarías.
Así, hoxe, ás doce, darase o último adeus no cementerio de Pereiro.

Román Rodríguez. Conselleiro de cultura
“unha traxectoria que queda para sempre nas páxinas da nosa historia”

A Consellería de Cultura, encabezada por Román Rodríguez, remitíu nas redes sociais unhas palabras de condolencia e recoñecemento a Alfonso Zulueta de Haz, destacando “unha vida de entrega xenerosa ás iniciativas sociais e culturais galegas”. Asegura que “o seu papel foi clave en empresas destinadas á recuperación da identidade cultural e ao desenvolvemento social de Galicia, como a Fundación Penzol, a editorial Sept, Galaxia, Fundación Sálvora para persoas con discapacidade intelectual, ou Fundación Isla Couto” . Asemade lembra o seu paso polas fundacións Gonzalo Torrente Ballester, Otero Pedrayo e Wenceslao Fernández Flórez, e polo propio Consello da Cultura Galega, tralo falecemento de Carlos Casares, entre os anos 2002 e 2006. “Unha traxectoria de dedicación á cultura e á sociedade galega que queda para sempre nas páxinas da nosa historia”, conclúe.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta
“Deixounos un dos grandes da nosa cultura”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quixo facerse partícipe da dor pola morte do intelectual galego e á marxe da notificación oficial do Goberno galego, escribíu na súa conta persoal de Twitter unha mensaxe de condolencia aos seus achegados cunha escueta mensaxe que compartíu a través das redes sociais: “Deixounos Alfonso Zulueta de Haz, un dos grandes da nosa cultura. O meu pésame á súa familia”. E asinou coas iniciais: ANF

Francisco Castro. director de Galaxia
“foi un home crucial, un home de galaxia, compañeiro leal e bo”

 “É un día moi triste para a familia da Editorial Galaxia pois onte á tardiña (polo martes) falecía o que foi compañeiro no Consello de Administración de Galaxia, e presidente do Consello da Cultura galega, Alfonso Zulueta de Haz. Foi un home crucial, tamén, nas fundacións Isla Couto, Otero Pedrayo ou Penzol. Un home de Galaxia. Un compañeiro leal e bo”.
“Un mazazo que non por esperado doe menos. Foi un home xeneroso, implicado dende a mocidade coa causa do galeguismo e a prol dos máis desfavorecidos. Moi novo fundou asociacións educativas para darlles escola a aqueles que non a podían ter. Traballou tamén incansablemente a prol da integración das persoas con discapacidade. Que a terra lle sexa leve”.

Asociación Juan XXiII
“defendeu os dereitos e a calidade de vida das persoas con discapacidade”

 A Asociación Juan XXIII e a Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII lamentaron o falecemento de quen foi o seu membro fundador, cunha sentida homenaxe: “Gran parte da súa traxectoria vital, dedicouna a apoiar a cultura e diversas causas solidarias, entre elas, defender os dereitos e a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias”. “Grazas á súa xenerosidade e altruísmo de e da súa esposa, Mª Teresa Fernández Cabaleiro, actual presidenta da Asociación Juan XXIII, a nosa entidade está a piques de cumprir medio século de existencia e continua desenvolvendo o seu destacado labor social”. E rematan engadindo que “o seu recordo perdurará para sempre entre nós”.

Miguel Santalices Pte. do Parlamento
“foi un exemplo de integridade, coherencia e compromiso vital”

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices uníuse ás mostras de dor pola perda dun personaxe imprescindible na Cultura galega. Santalices tamén utilizou as redes sociais, concretamente a conta de Twitter, para expresar as súas condolencias á familia e aos amigos polo falecemento de Alfonso Zulueta de Haz de quen afirmou na súa mensaxe que foi “un exemplo de integridade, de coherencia e compromiso vital con Galicia”.

Te puede interesar