VIGO

Ana Pontón di que Vigo ten que ser "a capital galega da innovación"

Serafín Otero e Ana Pontón, na sede do BNG de Vigo.
Serafín Otero e Ana Pontón, na sede do BNG de Vigo.
Ana Pontón di que Vigo ten que ser "a capital galega da innovación"

 A portavoz do BNG, Ana Pontón, mantivo un encontro en Vigo con emprendedores que apostan pola innovación aos que lles trasladou a dobre  “aposta estratéxica” do BNG: duplicar os fondos públicos en I+D+I para aproveitar o potencial do país e xerar emprego de calidade e un Plan Retorna para facilitar a volta do talento e da xente moza emigrada. Dixo que quere sacar a Galicia do vagón de cola da innovación, “onde nos ten situado a Núñez Feixóo ao longo destes anos, cun nivel de investimentos tres veces inferior aos países do entorno”, indicou.
Esta aposta estratéxica pola innovación ten que ter unha “plasmación territorial”, en palabras da portavoz, quen considera que Vigo “ten as  condicións óptimas para converterse na capital galega da innovación, para albergar a sede dun centro metropolitano de desenvolvemento tecnolóxico e de I+D+i, que sume esforzos de empresa, universidade, Xunta e concello e se converta no pulmón da innovación”, salientou.
“Aquí temos talento, universidade, base produtiva e o que se precisa é un apoio estratéxico por parte do Executivo galego e do concello, que dialoguen”, subliñou, tras indicar que a reunión coas empresas puido volver constatar “que hai potencial e capacidade, e o que se precisa é un Goberno que aposte pola innovación para crear emprego de calidade, frear a deslocalización de empresas e a emigración de xente moza”, argumentou.
De feito, a demanda de man de obra cualificada do sector naval en Vigo e comarca constata a necesidade de traer de volta aos 100.000 mozos e mozas menores de 30 anos que marcharon fora nos últimos dez anos. “O BNG reitera a proposta de poñer en marcha un Plan Retorna, como defendemos na tramitación dos orzamentos de 2018, pero atopámonos co muro da maioría absolutista do PP. Hai que recuperar esa man de obra especializada que foi expulsada ofrecendo unha oportunidade de futuro  xente que marchou fora”, explicou Pontón. Insistiu nesa dobre aposta estratéxica do BNG, por financiar un plan que facilite o retorno da xuventude e por duplicar os fondos en I+D+i, “con Vigo como capital galega da innovación poñendo en marcha un centro metropolitano de innovación e tecnoloxía que conte con empresas, universidade, Xunta e concello”.
A preguntas dos medios, Pontón falou de  Madeiras Iglesias instando á Xunta “a abandonar a súa parálise e mover ficha para evitar o peche da empresa”.