Educación mellora varios centros do sur de Pontevedra

xornada escolar

O investimento total no Alfonso R. Castelo de Navia, en Vigo, ascende a máis de 3,6 millóns de euros e un millón de euros

na mellora do CEIP San Roque de Darbo e no IES María Soliño, en Cangas.

Publicado: 30 jun 2017 - 14:48 Actualizado: 22 oct 2018 - 15:32

Os nenos do CEIP Alfonso R. Castelao de Vigo contaron tamén con melloras no seu centro.
Os nenos do CEIP Alfonso R. Castelao de Vigo contaron tamén con melloras no seu centro.

O Diario Oficial de Galicia publicou a licitación da segunda fase das obras no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia (Vigo). Con esta intervención rematarase a ampliación deste centro educativo, que suporá en total un investimento de máis de 3 millóns de euros e a creación de 450 prazas escolares. As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, eixe 10, obxectivo específico 10.05.01.

O importe de licitación da actuación correspondente á fase 2 ascende a 1.612.831,51 euros, tal e como pode comprobarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170504/AnuncioG0164-270417-0005_gl.html . O prazo de execución da obra será de 9 meses. A ampliación do centro vigués dará a posibilidade de aumentar as aulas co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro en máis dun 25% nestes 5 últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse 450 novas prazas escolares. A obra desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, xa en execución, constrúese un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns, aseos, porches e pistas polideportivas, cun importe de adxudicación de 1.529.440 . Pola súa banda, a segunda fase suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática- de educación primaria e 7 de apoio, así como para aseos e almacéns. Ademais, nesta segunda fase realizaranse algunhas melloras, froito do estudo das actuais instalacións do edificio, tales como a reforma dos aseos adaptados ou o acondicionamento dos accesos exteriores.

Outras melloras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir preto dun millón de euros en dous centros escolares de Cangas -o CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo e o IES María Soliño-, onde se acometeron importantes obras de mellora de eficiencia enerxética no primeiro deles, e de reforma do pavillón polideportivo no caso do instituto. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, desprazouse esta mañá ata Cangas, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, para visitar o colexio de Darbo, no cal o departamento de Educación levou a cabo a rehabilitación integral do edificio. As actuacións -cuxo importe total ascendeu a 615.000 euros- consistiron na mellora da envolvente do centro, mediante a inxección de illamento térmico.

na fachada. Así mesmo, renováronse as carpinterías exteriores, que foron substituídas por outras con rotura de ponte térmica e dobre vidro, e colocáronse novas persianas de aluminio.

No referido ás instalacións interiores, substituíronse todos os falsos teitos por outros con protección acústica, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética (con multisensor de regulación e detección de movemento); e pintáronse os paramentos interiores. Ademais, mudouse a caldeira de calefacción e mellorouse a instalación referida a este sistema, entre outras actuacións.

Esta intervención forma parte do Plan de mellora da eficiencia enerxética que a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha o ano pasado e que supuxo a rehabilitación integral de doce centros escolares (cinco deles na provincia de Pontevedra). Este Plan -que se enmarca dentro das actuacións financiadas pola Unión europea para a redución do CO2- continúa este ano con obras deste tipo noutros oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

IES María Soliño

A outra das obras importantes realizouse no IES María Soliño, onde se acometeu unha reforma integral do pavillón con obras específicas na pista polideportiva e nos vestiarios, por un importe de case 400.000 euros, nunha superficie de 1.500 metros cadrados.

A pertinencia desta obra derivaba da necesidade de solucionar os problemas de salubridade, habitabilidade e acabados da mencionada instalación. Para tal fin, nas pistas deportivas realizouse unha nova soleira de formigón e illada con poliestireno extruído de alta densidade, e sobre esta base colocouse un pavimento deportivo de caucho sintético. Así mesmo mellorouse o illamento das fachadas e da cuberta do edificio, incorporando illamento térmico de lá de vidro mineral, paneis de alta densidade de resinas e chapa perforada metálica. Tamén se renovaron as instalacións de electricidade e a iluminación da pista deportiva, e colocáronse novos extintores.

Na zona dos vestiarios, cambiáronse as instalacións de fontanaría, climatización e alumeado. Así mesmo instalouse un falso teito con panel illante e reparáronse as goteiras que afectaban a esta zona do pavillón.

As actuacións levadas a cabo no último ano nestes dous centros escolares de Cangas forman parte do conxunto de obras de mellora levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Educación co fin de que o alumnado dispoña dunhas instalacións educativas de calidade e adaptadas ás súas necesidades. Cómpre lembrar que o investimento total en centros educativos neste Concello desde o ano 2009 supera os 2,2 millóns de euros.

Contenido patrocinado

stats