TRAIñEIRAS

Tirán confirma a continuidade na ACT e conta con Dani Pérez

Tirán Pereira continuará no 2015 na Liga ACT.
photo_camera Tirán Pereira continuará no 2015 na Liga ACT.

A Sociedade Deportiva Tirán Pereira xa ten a mente posta na vindeira tempada, a pesar de que aínda rematou este curso o pasado domingo.

 A entidade moañesa, que avaliou tódolos factores posibles, ten decidido dende hai un mes que seguirá na Liga ACT e o ascenso de Samertolameu de Meira, que podería supoñer menos cartos polo concepto de axuda ó desprazamento, non modifica as súas intencións.
De feito, a directiva presidida por Manolo Mora xa barallou no seu día tódalas alternativas posibles e, en todas elas, a decisión foi seguir na Liga ACT. A isto chégase tras lograr a entidade do Con o equilibrio orzamentario no presente exercicio, despois de recortar en varias capítulos e, entre eles, estivo a renuncia ó Campionato de España. Aínda así, a directiva do conxunto moañés tenta reducir aínda máis o apartado de gastos de cara ó vindeiro curso coa intención de cumprir co orzamento e, ademais, reducir algo da débeda que presenta a entidade. 

Continuidade de Dani Pérez
Por outra banda, a dirección de Tirán Pereira espera manter a Dani Pérez como adestrador da "Mar do Con". As dúas partes xa mantiveron contactos e poderían asinar un acordo definitivo nos vindeiros días. Non obstante, o adestrador xa falou con remeiros para intentar que continúen na entidade e, ademais, contactou con posibles reforzos coa intención de mellorar o potencial da traiñeira moañesa. Polo tanto, o técnico traballa na confección de Tirán 2015. 
De tódolos xeitos, a dirección do club moañés facilitaría a saída do adestrador no caso de que Dani Pérez tivera unha oferta importante dalgún dos grandes clubes da Liga ACT. A sintonía entre o técnico e os directivos de Tirán é absoluta.
No plano deportivo, a entidade do Con tentará formar un equipo competitivo con remeiros do Morrazo ou das localidades da Ría de Vigo, para evitar un excesivo gasto en desprazamentos. Non obstante, isto aínda son plans porque queda por determinar o número de remeiros que continuarán e os reforzos necesarios. Cuestión de tempo e traballo.n

Te puede interesar