segunda división b

O sol brilla na penumbra do Vao

O Coruxo superou onte ó Real Madrid Castilla tras remontar o gol inicial de Fidalgo no campo do Vao.
photo_camera O Coruxo superou onte ó Real Madrid Castilla tras remontar o gol inicial de Fidalgo no campo do Vao.

O Coruxo, cun fútbol dinámico e fermoso, remonta ante o filial do Madrid cos goles de Juampa Barros e Manu Justo

Un gol encaixado no cuarto minuto converteuse nunha verdadeira montaña para o Coruxo onte no campo do Vao. Así foi durante todo o primeiro tempo. Por debaixo no marcador, a formación dos irmáns Montes tivo o control do xogo e apenas pasou apuros ante un filial madridista con calidade no seu ataque, pero superado no centro do campo, onde Yebra, Antón e Manu Justo, coa axuda de Juampa Barros e Pitu, quen entraban polo costado e polo centro, gañaron o balón unha e outra vez para combinar rápido e chegar a zona de perigo ante un Castilla que rexeitaba os centros con problemas e, cando non, fallaba o remate o equipo local. 
Todo isto sucedeu despois dos cinco primeiros minutos con malas novas para o Coruxo. Foi o que tardou en axustarse a formación verde e chegou o gol de Fidalgo tras un puntapé dende lonxe de Cristo, que non atallou Alberto Domínguez e o mediocentro aproveitou o rexeite para marcar. Un tanto con escaso traballo e os visitantes viviron del ata o descanso porque a formación do Vao continúa con problemas na definición.
Onte fallou Juampa Barros un disparo cruzado, despois foi Nacho Lorenzo o que disparou frouxo dentro do área para a parada de Luca Zidane e a ocasión máis clara, a que tiña que ser o empate, fabricouna un Juampa Barros inspirado que superou na banda a dous rivais para poñer o centro ó segundo pau, onde Manu Justo, situado na punta do ataque, controlou e buscou a cruceta no man a man, pero o balón elevouse máis da conta. O empate antes do lecer estaba nese disparo. 
A segunda metade xa foi outra cuestión. A dinámica do partido seguiu o mesmo guión, pero a gran diferenza estivo en que os dianteiros locais atoparon o acerto no remate. En pouco máis dun cuarto de hora tiveron tres ocasións en enviaron dúas delas ó fondo da portería de Luca Zidane. As accións chegaron nun treito de fútbol rápido, vertical e combinativo. Xogadas que non se recordaban dende hai moito tempo no húmido campo do Vao. 
Na primeira opción, Juampa Barros habilitou a Manu Justo, que rematou preto da cruceta, pero reaccionou o porteiro para enviar a saque de curruncho. A segunda ocasión foi o empate nunha acción de extraordinario nivel que comezou na banda entre Antón e Juampa Barros, o medio centro enviou ó medio cara Manu Justo, que tocou rápido para ó desmarque de Barros e este rematou forte. Tocou algo o porteiro pero non chegou para evitar o gol. A igualada, tras moitos intentos, chegou con beleza. 
O bo momento local non rematou na igualada. O filial do Madrid comezou a atacar e De Frutos deuse a volta no área para rematar forte. Sacou Alberto a unha man para evitar o gol e a seguinte acción foi a terceira chegada clara dos vigueses no segundo acto e o seu segundo gol. Unha xogada por banda esquerda rematou en saque de banda, que Juampa Barros sacou rápido para Manu Justo no área. Fixo o control orientado co taco para darse a volta. Superou a un Álex algo despistado e non chegou a axuda porque o resto da retagarda andaba nas verzas. O dianteiro remate raso ó primeiro pau e nesta ocasión Luca Zidane careceu de instinto. O Coruxo estaba por diante no marcador.
Despois chegaron os habituais apuros e as présas do filial do Real Madrid, que recordou de súpeto que existía a portería contraria. Entrou Dani Gómez para gañar verticalidade o ataque madridista. O Coruxo defendeu ben, con algún susto. moitas carreiras e unha boa e necesaria parada de Alberto Domínguez coas pernas. O empate estaba aí, pero parou o porteiro e xa no desconto vivíronse momentos de felicidade e ata humor porque marcharon as luces do Vao co penúltimo chuvasco forte da tarde e os tres últimos minutos xogáronse na penumbra. O árbitro decidiu non suspender e rematar o partido a toda velocidade antes de que a noite pasase a pechada no Vao, aínda que no vestiario local, con borrasca nas Rías Baixas, o sol quenta con toda a forza do mundo. O equipo dos irmáns Montes gañou ó filial do Real Madrid e marcha na oitava posición.

Coruxo: 
Alberto Domínguez, Nacho (Mateo, min. 63), Lucas, Pablo Crespo, Sergio Rodríguez, Yebra, Antón, Jacobo Trigo, Pitu, Juampa (Samanés, min. 72), Manu Justo (Silva, min. 80).
Real Madrid-Castilla: 
Luca Zidane, Dani Fernández, Manu Hernando, Álex, Fran García, Jaume (Augusto, min. 78), De Frutos, Fidalgo, Seone (Dani Gómez, min. 65), Alberto (Martín Calderón, min. 78), Cristo.
Goles: 
0-1, min. 4: Fidalgo; 1-1, min. 52: Juampa Barros; 2-1, min. 62: Manu Justo. 
Árbitro: 
Leandro Carbajales Gómez. Amosou cartón amarelo a Sergio Rodríguez, Yebra e Silva polo Coruxo e a Daniel Fernández polo Real Madrid Castilla.
Incidencias:
Partido disputado no Vao ante uns 600 espectadores. 

Te puede interesar