liga act san miguel

Revolución da clase media

A tripulación de Hondarribia levanta os remos tras acadar a vitoria na regata de onte en Sanxenxo.
photo_camera A tripulación de Hondarribia levanta os remos tras acadar a vitoria na regata de onte en Sanxenxo.

Hondarribia gaña en Sanxenxo con Cabo, San Juan e Tirán nas catro primeras posicións

A quenda intermedia na Liga ACT esta tempada é de película. Seguir as evolucións de San Juan, Tirán Pereira, Cabo da Cruz e Astillero é un dos maiores regalos dos últimos anos na mellor competición do mundo das traiñeiras. Onte en Sanxenxo libraron unha loita de magnitudes bíblicas con cambios de posición, remontadas, afundimentos e o sempre caprichoso vento das Rías Baixas, que axudou un pouco. Deste xeito, Cabo da Cruz estivo a dous segundos de sorprender a todos os xigantes da quenda de honra. Soamente Hondarribia bateu as embarcacións da quenda anterior e, como premio, sumou unha desas vitorias nas que se cimenta un título ligueiro. 
A xornada de remo comezou con Samertolameu de meira lonxe dos seus rivais. Pechou a regata por segunda vez e ofreceu malas sensacións preocupantes.
No extremo oposto, a "Ama Guadalupekoa" gañou en Sanxenxo tras rachar a regata no primeiro longo e facer unha contrarreloxo. A súa superioridade na quenda de honra foi tan contundente como sorprendente. A metade de regata xa se podía adiviñar que os rivais estaban na quenda anterior.
De feito, uns minutos antes, San Juan, Cabo da Cruz, Tirán-Pereira e Astillero ofreceron unha desas probas para a lenda. Sabíase que os botes están igualados, sábese que teñen un potencial similar, pero ninguén pode adiviñar o guión que ofrecen en cada pada, en cada rego, en cada proba. Onte, en Sanxenxo, co mar algo picado, unha onda longa e tímida e o vento con cambios de dirección constante e por enriba dos doce quilómetros por hora, a emoción foi constante. 
A traiñeira de Pasaia marcou o ritmo nos primeiros dous longos, con Astillero por detrás e Tirán Pereira con Cabo da Cruz a tres segundos. No segundo rego, os de Boiro semellaban decaer mentres a "Mar do Con" metía a proa diante da embarcación cántabra. 
No longo seguinte, a tripulación moañesa tomaba a cabeza da regata a cen metros da baliza con San Juan en caída e Cabo da Cruz superando a Astillero. 
As tripulacións pasaron a boia e parecía que Tirán Pereira gañaría a quenda, progresaba a bo ritmo. Reaccionou San Juan, púxose a un segundo pero quedaba por falar Cabo da Cruz. Cando o fixo, era cabeza de regata co último longo máis rápido do día. Pasou a embarcación de Pasaia e á moañesa no mesmo momento montando nunha onda tras outra. A exhibición estivo a punto de darlle a regata porque estas tripulacións asinaron o segundo, terceiro e cuarto posto. Revolución da clase media en Sanxenxo.

Te puede interesar