50 Años

O Xuvenil xa non é un neno

As xogadoras do Xuvenil de Teis celebran un punto nun partido disputado en Vigo.
photo_camera As xogadoras do Xuvenil de Teis celebran un punto nun partido disputado en Vigo.

O equipo de Teis asina tres vitorias en catro partidos no inicio de tempada na Superliga Feminina 2 de voleibol

Tres vitorias en catro partido para estar na sexta posición de doce equipos e a un punto do segundo. É o inicio de tempada do Xuvenil de Teis. O mellor dos últimos anos e tamén unha situación extraordinaria para unha formación que hai dúas tempadas, no curso 2015/16, pechou a Superliga Feminina 2 sen vitorias. 
"Empezamos ben pola contribución de Federica Farabegoli e Tean Andric, ademais das xogadoras de casa que deron un paso adiante e teñen un bo nivel. Tivemos baixas, pero estamos traballando ben. As dúas xogadoras de fóra teñen garantido este ano seguro aquí. Despois, dependerá do seu futuro laboral e académico", explica Celso Veloso, o adestrador da formación viguesa. A croata "Tea Andric chegou o segundo cuadrimestre do curso pasado a Vigo por unha beca Erasmus e xa xogou a Copa Galicia con nós. Despois xa quedou case todo o verán aquí, encántalle a cidade, fixo todo o posible para quedar un ano máis aquí e está no equipo", explica. 
O preparador explica que a aportación da italiana e a balcánica ten a súa importancia no xogo porque "son moi boas xogadoras e tamén boas persoas, a integración foi moi boa e tamén son un pouco maiores que as outras xogadoras, polo que tamén axudan moito nesa dirección. Despois, Federica Farabegoli deu este ano un paso adiante en ataque pola baixa de Sara Urrea e, de feito, está nun estado de forma mellor. Incluso fai adestramentos con rapaces e din que é complicado parala".
Non obstante, o bo momento do Xuvenil vai moito máis ala porque "regresou Sabela Morena na colocación e está aportando moito. Tamén recuperamos a Laura e volveu Lorena Cruz, que deixou de xogar para ser nai de dúas fillas, e agora volveu coas nenas pequenas. Axuda nos partidos da casa e tamén nos adestramentos porque é moi veterana e pon a súa experiencia. É un exemplo para as pequenas, tanto na vida deportiva como na persoal".
As catro vitorias sitúan ó equipo na parte alta da táboa e Veloso engade que "este ano a liga está moi igualada e, salvo o Chamberí, estamos a un nivel moi parecido. Calquera pode gañar a calquera e estamos competindo ben. En anos anteriores, ó chegar ó punto vinte, o equipo desaparecía. Agora estamos na nosa salsa nesa situación".
O preparador engade que "temos que loitar para estar o máis arriba posible. É moi diferente a situación do ano 2015/16, no que non gañamos ningún partido. Aínda así, rematamos moi cohesionados e o ano pasado trocamos a inercia por esa unión e tamén polo aumento de sesións de adestramento. Pasamos de tres sesións a semana y a facer catro sesións en pista e despois dúas ou tres sesións físicas. Axudou moito a mellorar e agora gozamos despois dos padecementos".
Aínda así, o Xuvenil ten as súas limitacións porque "as xogadoras teñen outras prioridades que son os estudos e as situacións persoais. Varias están no primeiro ano de universidade e cando cheguen os exames terán que baixar o número de adestramentos". No medio prazo tamén condiciona á formación que "somos un equipo de canteira e, en ocasións, saen xogadores de talento que deciden marchar. Nós non poñemos obstáculos, aínda que perdemos competitividade. Clara Fernández, Alejandra Simón ou Mari del Burgo, que está en Alcobendas e xa foi á selección, saíron de aquí".n

Te puede interesar