traiñeiras

O desafío dunha década

Tirán Pereira firma a penúltima praza en Bilbao para confirmar que esta tempada loitará por evitar o descenso

Dez anos despois, Tirán Pereira volve á situación inicial, de cando regresou á Liga ACT de traiñeiras como un aspirante a manterse. Coa clara sensación de que cada regata pode ser definitiva e que cada punto terá que loitarse ó máximo. Pada a pada, músculo a músculo. A undécima e penúltima posición de onte na Bandeira de Bilbao confirma as sospeitas de que a "Mar do Con" vivirá unha tempada no arame, de loitar cada punto como o último para tentar rematar na décima posición e evitar o descenso. Se é undécimo vogará o 'play-off' de ascenso e descenso e se repite a clasificación de 2008, o décimo posto, salvará un apuro histórico como foi aquela tempada que iniciou unha das mellores épocas do club moañés, tanto pola calidade dos resultados como pola súa extensión no tempo.  
Onte, na desembocadura do río Nervión, ante o Guggenheim e a Universidade Comercial de Deusto, por debaixo das pontes que unen as rúas da cidade vasca, a "Mar do Con" vogou ata rematar na undécima posición nunha xornada na que non acompañou a forza propia, pero tampouco os elementos externos. Cos tempos na man, as catro traiñeiras que iniciaron a competición estiveron claramente favorecidas no segundo e no cuarto longo. Santurtzi, Donostiarra e Cabo asinaron os tres mellores parciais do día no segundo treito e tamén no cuarto, pero con diferente orde: Cabo da Cruz, Santurtzi e Donostiarra. Incluso melloraron nestes dous tramos a Urdaibai e Hondarribia, as duas mellores traiñeiras, que comenzaron dende a primeira regata a súa particular loita polo título.
No referente a Tirán Pereira, ubicada na quenda intermedia polo sétimo posto do pasado curso, os tempos foron inexorables e claros. Dende o primeiro longo estivo nas últimas posicións nunha notable regularidade. Perdeu tempo en cada treito pero sempre mantendo o mellor ritmo posible. Levoulle para estar preto de San Juan, a catro segundos, e por diante de Kaiku, que pechou a regata. 
Serán dous rivais claros na loita por evitar o descenso e ó grupo pode engadirse Ondarroa, oitavo, e incluso San Pedro, noveno. Por diante, o ascendido Donostiarra e Cabo da Cruz están nun chanzo superior e capítulo aparte merece Santurtzi. Estreo na categoría cunha terceira posición e con magníficas sensacións. Ademais, nas súas bancadas figuran nomes como Portularrume, Astelarra, Fede Steindl ou o patrón Asier Zurinaga, todos gañadores da regata da Concha. 
Precisamente, varios deles chegaron a esta embarcación tras deixar Kaiku e o adestrador José Luis Korta. O barco de Sestao, nunha profunda remodelación, pechou onte a proba tras comezar a bo ritmo pero afundirse no último treito. A regata, nesa mixtura que combina auga doce con mar e sen practicamente vento, fíxose extraordinariamente dura. O remataron por pagar as tripulacións con menos experiencia.
É certo que Tirán Pereira tivo capacidade para saber manter o ritmo, a pesar de que as referencias non eran as mellores. Serviulle para evitar a última posición, pero tamén para constatar que está a un nivel escaso en comparación coas outras tripulacións da tempada. Ten moito que traballar e mellorar nas vindeiras semanas e, sobre todo, atopar boas sensacións nas regatas en mar aberto porque ten unha tripulación moi lixeira e con falta de potencia. A décima posición é o obxectivo.
Na loita pola vitoria, Urdabai, con ata catro galegos e co exremeiro de Tirán Pereira Sebas Acervi entre eles, acadou a vitoria por unha renda de dous segundos sobre Hondarribia.n

Te puede interesar