balonmano

O Inferno é un lugar de felicidade

As xogadoras e os técnicos pousaron para a tradicional foto coa afición e o equipo rival, que felicitou ás campionas.
photo_camera As xogadoras e os técnicos pousaron para a tradicional foto coa afición e o equipo rival, que felicitou ás campionas.

Cantigas tradicionais e de ánimo, pavillón cheo unha hora antes e moitas bágoas de ledicia véronse na Sangriña

A Guarda foi onte un lugar de felicidade. O pavillón da Sangriña, absolutamente cheo, probablemente por enriba do recomendable cunhas 600 persoas, viviu onte o título do Mecalia Atlético Guardés. E o de vivir vai en todo o senso da palabra porque se cada partido de balonmán é unha festa o de onte foi verbena maior, día do patrón e, incluso, Festa do Monte. 
Dende unha hora antes do partido o pavillón estaba cheo e coas gorxas a todo volume. As rapazas do Granollers entraron no recinto deportivo coa boca aberta. Algunha delas incluso tirou unha foto porque, acostumadas a pavillóns medio baleiros, o 'Inferno da Sangriña' xa estaba absolutamente quente antes de mudarse e poñer a roupa de xogo.
Escoitouse a Rianxeira e o Miudiño, tamén cancións propias de ánimo e algunhas de elaboración propia que xa coñece todo o pavillón e casi todo o pobo. O bombo sonou antes, durante e despois do partido e, incluso, falar ó do lado parecía unha tarefa case imposible. Co marcador a favor, en contra ou empate os ánimos continuaron. E o ditame chegou cando, a falta de oito minutos, as bancadas cantoron o "campións, campións". Era o veredicto. 
Logo chegaron os aplausos, a ledicia e as bágoas. Moitas bágoas nas facianas da xente e tamén das xogadoras. Unha moi emocionada Estela Doiro, unha tamén emocionada Haridian Rodríguez e tamén con ollos brillantes o propio José Manuel Silva, o presidente. Abrazaba a todas as xogadoras, unha por unha. 
As arxentinas, especialmente Luciana Mendoza, facían todo tipo de bromas ás compañeiras. Auga por enriba, camisolas comemorativas do título ligueiro e ducias e ducias de cativos na pista coas súas xogadoras favoritas. José Ignacio Prades colleu no regazo a un dos seus fillos e, igual sen tantos saltos, tamén gozou da celebración. 
O Granollers acompañou ás xogadoras do Guardés nun corredor coas categorías inferiores do club. Tamén fixeron a foto de familia, máis extensa ca nunca, a instantánea dun título, imaxe da felicidade.
Ó final, vivir no 'Inferno' non vai estar mal. O que non ensina a relixión é que existe un no que se xoga ó balonmán, cántase, báilase e as deusas son xogadoras de varios recunchos do mundo. n

Te puede interesar