fútbol

O lastre dun gol

A selección galega perdeu onte ante Cantabria na Copa das Rexións.
photo_camera A selección galega perdeu onte ante Cantabria na Copa das Rexións.

Galicia perde pola mínima ante Cantabria e precisa a vitoria de hoxe de Asturias para pasar a seguinte rolda da Copa das Rexións

Un gol a falta de cinco minutos para o final do partido lastra as opcións de clasificación de Galicia para a seguinte fase da Copa das Rexións da UEFA. Cantabria superou ó combinado de Pichi Lucas e hoxe ten na súa man o pase. Para acadalo debe gañar ou empatar ante Asturias. Os galegos teñen que esperar unha vitoria do equipo anfitrión por menos de cinco goles de diferenza. 
A selección galega tiña onte a clasificación na súa man. Os tres puntos ante Cantabria significaban a clasificación directa tras gañar o pasado venres a Asturias (3-0). Non obstante, non foi un bo partido dos xogadores dirixidos por Pichi Lucas, incapaces de crear xogo ofensivo. Poucas ocasións nun enfrontamento con moito medo á derrota por parte das dúas seleccións. A igualada deixaba a Asturias sen opcións no partido final de hoxe e, quizais por este motivo, Cantabria tampouco apostou por asumir máis risco do imprescindible na procura do gol.
Neste contexto de partido, o gol cántabro chegou a cinco minutos para o final do encontro. Unha longa xogada de ataque rematou cun puntapé de Pablo Cano que superou a Marcos Souto para finalizar no fondo da portería galega. Un gol para desequilibrar o partido.
No escaso tempo que quedaba para o final reaccionaron os galegos, que tiveron ocasións por medio de Álex Ares e Rodri. Galicia non aproveitou as súas opcións e agora depende dunha vitoria de Asturias ante Cantabria. Galegos e cántabros suman tres puntos por ningún da selección organizadora, que aínda así, ten opcións de clasificación se gaña a Cantabria por cinco goles hoxe. 
Na xornada de onte, foron titulares os defensas do Choco Rubén Comesaña e Lucas Fernández, mentres que o atacante vigués Jacobo Millán 'Oki' entrou na segunda metade.n

Te puede interesar