segunda división b

Fútbol celeste e gol de Borja Domínguez

Manolito Apeh persegue o balón tras chocar cun rival no partido xogado no campo de Barreiro entre o filial do                                         Celta e o Pontevedra.
photo_camera Manolito Apeh persegue o balón tras chocar cun rival no partido xogado no campo de Barreiro entre o filial do Celta e o Pontevedra.

O Celta, con máis ocasións que o Pontevedra nun partido igualado, errou no remate e o encontro resolveuno o mediocentro visitante cun fermoso disparo

A xogada comezouna Pedro Vázquez pola banda dereita, realizou un par de regates e un particular 'slalom' para meterse no área e, neste punto, xa tiña un claro perigo para a portería de Iván Villar. O futbolista do Pontevedra, canteirán do Celta, cedeu a outro formado na Madroa, Borja Domínguez. O mediocentro cedido polo Alcorcón na formación granate controlou, acomodouse e parecía que perdía tempo e a vantaxe na xogada, pero o que estaba a facer era observar a portería e visualizar onte tiña que poñer o balón. Conectou un disparo potente, forte, pegadiño ó céspede ó pau curto, onde Iván Villar tiña menos visión polos futbolistas que saíron a tapar o puntapé. O seguinte foi a carreira para celebrar o gol visitante a falta de media hora por xogar. Antes e despois, o Celta B tivo ocasións para empatar ou gañar o partido, pero non o fixo porque errou no remate e neste deporte, por moita táctica existente, fútbol colectivo e sistemas, unha gran porcentaxe do éxito radica en saber resolver as ocasións, especialmente no área. Onte gañou o Pontevedra porque o mediocentro Borja Domínguez definiu mellor que todos os atacantes célticos que tiveron ocasións. 
Dende os primeiros minutos, o plan de partido dos dous equipos quedou claro. Locais e visitantes querían ter o balón e esforzábanse na presión en campo contario. O Celta, para realizar o seu habitual xogo de combinación e paciencia e o Pontevedra, coa intención de roubar e facer transicións rápidas para desequilibar ós locais. O primeiro cuarto de hora a tendencia favoreceu ós da cidade do Lérez, pero co paso dos minutos foron os vigueses os que comezaron a ter o control do xogo e a pisar o área contraria con frecuencia, aínda así sempre nun enfrontamento igualado, con moito traballo dos equipos e coa sensación de que tiñan perigo en todas as accións. 
Chegou a ocasión para un 'Manolito' Apeh que en cada partido deixa pingueiras de dianteiro de nivel con outras de torpeza e de quedárselle Barreiro pequeno. Nunha internada por banda dereita foi ó cruce con David Castro, o lateral saiu perdendo e o dianteiro céltico encarou portería con tempo para pensar. Igual pensou máis do debido porque rematou ó pau longo frouxo e desviado no man a man. 
Á media hora, nunha sucesión de ataques célticos, Solís conectou un centro no que o árbitro apreciou man, pero despois igual o pensou mellor porque en lugar de sinalar o punto de penalti, xa que o defensor estaba dentro do área, mandou sacar a falta pegada á liña. O libre directo rematou en córner e o saque de curruncho nunha ocasión moi clara de Ros, que cabeceou no segundo pau e enviou fóra. 
Nos dez minutos anteriores ó descanso, o Pontevedra sacudiu o dominio céltico e chegou o intermedio. O segundo acto comezou sen opcións ata que o Celta encadeou tres chegadas, en gran media, polas aparicións de Bermejo, o mellor dos vigueses onte, que entendeu o xeito de facer dano ó opoñente. Asociouse ben, pero fallou no remate ou no último pase. Enviou un balón alto, Dani Molina tampouco atopou portería e Apeh, cun disparo dende a frontal, enviou o balón por enriba do longueiro. 
Tres accións consecutivas para o Celta antes do gol do Pontevedra nunha boa acción por banda dereita de Pedro Vázquez, canteirán céltico e con pasado no Coruxo, que marchou de tres rivais e cedeu a Borja Domínguez para o gol. 
O Pontevedra tivo a ocasión para pechar o partido por medio de Bustos, que enviou ó longueiro. Non o fixo e quedou con vida o Celta. Chegou a opción para o empate no engadido. Pampín, forzado, atopou a Edu no man a man e o rexeite caeu en Pastrana, que rematou raso e o porteiro lanzouse para volver a tapar. Se eleva o esférico era gol.

Celta B:
Iván Villar, Alende, Ros, Robert Costa, Pamín, Rai (Álex Serrano, min. 85), Rai Marchán (Álex Serrano, min. 85), Solís, Molina, Bermejo, Ibán Salvador (Pastrana, min. 70), Apeh. 
Pontevedra:
Edu, Campillo, Víctor Vázquez, Adrián León, David Castro, Kevin, Borja Domínguez, Pedro Vázquez, Romay (Berrocal, min. 89), Álvaro Bustos (Pibe, min. 76), Arruabarrena (Javi Pazos, min. 63). 
Gol:
0-1, min. 61: Borja Domínguez. 
Árbitro:
Germán Cid Camacho. Amosou cartón amarelo a Ibán Salvador, Alende e Apeh polo Celta B e a Arruabarrena, Kevin, Romay, David Castro, Víctor Vázquez e Borja Domínguez polo Pontevedra. 
Incidencias:
Partido correspondente á vixésimo quinta xornada de Segunda División B disputado no campo de Barreiro ante unhas 1.200 personas. Un gran número de seguidores do Pontevedra.

Te puede interesar