SEGUNDA DIVISIÓN B

Empate ante o líder con erros de máis para gañar

O Coruxo puxo en apuros ó Fuenlabrada 
e tivo ocasións, pero errou en accións chave

Antón trata de cabecear o esférico entre varios xogadores do Fuenlabrada no partido de onte.
Antón trata de cabecear o esférico entre varios xogadores do Fuenlabrada no partido de onte.
Empate ante o líder con erros de máis para gañar

Para gañar a un grande tes que facer todo ben e que o xigante non teña a tarde. Isto é o que sempre din os adestradores cando xogan ante o Real Madrid ou o Barcelona. Na Segunda División B, este papel pode exercelo o Fuenlabrada e foi o conxunto co que se mediu onte o Coruxo no campo do Vao. A segunda parte da oración fala de que o grande non debe ter o día e o equipo madrileño non asustou onte. O que sucede é que para a vitoria, o teórico débil ten que facer todo ben e os xogadores dirixidos polos irmáns Montes fixeron un notable partido, levaron durante moitos minutos o ritmo do encontro e puxeron en moitas situacións delicadas ó seu rival, pero non completaron a totalidade necesaria e cometeron os erros chaves nos que se escapa o partido. As situacións concretas da vitoria.
Nese capítulo de momentos decisivos están tres destacados por enriba do resto. O primeiro chegou cedo, na ocasión de Antón de Vicente que tivo un man a man tras incorporarse dende o lateral dereito ata ó área contraria. A xogada perfecta do Coruxo dende o seu campo deixou ó defensa accidental no man a man con Biel Ribas. Sacou o porteiro o primeiro remate coa perna e o rexeite bateu na faciana do futbolista vigués para marchar pegadiño ó pau. Tivo máis opcións de gol durante os primeiros viente minutos o equipo local, pero esa foi a acción chave.
O segundo momento determinate foi os erros de Lucas e Pablo Crespo no gol visitante. O dianteiro fixo o clásico desmarque entre central e lateral para recoller o balón ó espazo. Lucas tirou a liña do fóra de xogo –como estaba traballado– en lugar de seguir a carreira do dianteiro, pero os seus compañeiros non secundaron a acción e o atacante do Fuenlabrada encarou a Alberto para superalo cun puntapé pegadiño ó céspede. 
Na seguinte xogada si que estivo acertado o Coruxo. Samanés, nunha das súas múltiples batallas da tarde, provocou un rexeite nas cercanías do área do Fuenlabrada, que saiu cara Manu Justo. O dianteiro controlou longo e foi ó cruce Juanma. O dianteiro marchou ó céspede e o árbitro estimou que existiu contacto. Complicado de ver pola posición dos dous xogadores e na Segunda B non existe ningún VAR. O propio dianteiro centro transformou a pena máxima xusto antes do descanso.
Na segunda metade, o Coruxo mantivo o plan de xogo do primeiro acto e mandou durante moitos minutos, mentres que o Fuenlabrada tamén atacou con certo perigo, pero sen grandes ocasións. A máxima di para que gañar ó grande é preciso facer todo ben e a formación do Vao realizou un gran encontro, pero neste treito de partido non andivo fina na finalización. Especialmente na ocasión máis clara, nunha acción por banda dereita con Samanés e Antón como protagonistas. Primeiro, o extremo chegou ó área e, con todo a favor, definiu mal. O rexeite foi para o lateral, que gañou a liña de fondo e pasou atrás, pero cara un opoñente. 
Despois chegaron os cambios, algunha opción de gol do Fuenlabrada e tamén bastante defensa viguesa para consumir os segundos ata o final do partido. O punto deixa ó Coruxo na oitava posición a catro da promoción de ascenso e cunha renda de dez sobre o descenso. O presente é case perfecto no Vao, como o partido.

Coruxo:
Alberto; Antón, Lucas, Crespo, Sergio: Yebra; Juampa, Pitu (Óscar, minuto 82), Mateo (Silva, minuto 70), Samanes (Guille, minuto 74) y Manu Justo.
Fuenlabrada:
Niel Ribas; Glauder, Juanma, Jaume, Sotillos; Carlos Caballero, Cristóbal; Jose Fran (Javi Gómez, minuto 82), Randy, Hugo Fraile (Guillón, minuto 74) y Cedric (Héctor, minuto 69).
Goles: 
0-1, minuto 29: Cedric. 1-1, minuto 45: Manu Justo, de penalti. 
Árbitro: 
Mazo Maruri, auxiliado por Ibáñez Sáiz e Díez Cano, de Castela e León. Amonestou a Mateo polo Coruxo e a Glauder, Carlos Caballero e Sotillos polo Fuenlabrada.
Incidencias: 
O Vao, 600 espectadores.