traiñeiras

Emocións de tranquilidade

A tripulación de Orio acadou onte a vitoria na regata celebrada en Santander.
photo_camera A tripulación de Orio acadou onte a vitoria na regata celebrada en Santander.

Tirán Pereira asina a oitava posición en Santander na vitoria de Orio e con moita igualdade na zona media

Cuestión de emoción e tranquilidade. Nunhas décimas, pero coa relaxación de estar con puntos de renda na clasificación xeral. É a situación da "Mar do Con" de Tirán Pereira cando se aproximada o ecuador da tempada na Eukolabel Liga. Onte rematou na oitava posición nunha proba na que dende a sexta ata a undécima praza o marxe foi de seis segundos. Un por embarcación, co engadido de que algúns como Astillero xóganse a permanencia nesas décimas e os moañeses gozan da loita dende unha posición cómoda, cos deberes feitos no inicio do curso.
Os remeiros de José Ángel Cambados 'Truco' vogaron polo cuarto carreiro, o externo dun campo de regatas de onda longa que entraba polo costado. Nunha situación sempre incómoda para vogar e que require moita delicadeza dos remeiros e maña dos patróns. 
Cunha análise dos tempos na man, o carreiro exterior non semellaba o mellor do día, pero loitou Tirán Pereira nunha quenda con San Juan, Ondarroa e Zierbena. O barco de Pasaia marcou diferencias dende o primeiro longo. Ondarroa aguantou coa veloz saída habitual e, por detrás, a "Mar do Con" e a tripulación de Viscaia adestrada polo vigués Zunzunegui loitaban proa con proa durante toda a regata. 
No ecuador da proba, San Juan amosaba que tiña un día mellor que os seus rivais habituais e Ondarroa que tiña que loitar, e moito, se quería aguantar ante a progresión de Tirán, Zierbena e Cabo da Cruz dende a quenda inicial. 
Así chegouse a un último longo cheo de emoción. O cronómetro establecía que ata catro traiñeiras viñan no mesmo segundo. Tres na quenda, proa con proa, pasando unha por diante da outra en función da onda, e no grupo era preciso engadir ós remeiros de Boiro, que vogaron uns minutos antes. A cuestión estaba en coñecer o reparto de posicións. Foi Zierbena a que superou nos últimos douscentos metros da quenda á "Mar do Con", pero Cabo do Cruz meteuse entre ambas. Malas novas para os moañeses que, polo menos, superaron a Ondarroa, que volveu a pagar o exceso de folgos no inicio da proba. Aínda así, o peor papel foi para Astillero que, durante moitos minutos, marcou cabeza de regata na quenda inicial para despois ser décima e recortar dous puntos a unha tripulación de Ares, que parece estar en costa abaixo. 
O barco cántabro é pechacancelas a sete puntos da embarcación coruñesa, que ocupa a praza de promoción de descenso. San Pedro, décimo, xa suma 33, sete máis que os galegos. As prazas da zona baixa están definidas e tanto Ares como Astillero deben mudar o seu rendemento moito para evitar as dúas últimas posición. Hai tempo,  pero o marxe comeza a ser moi escaso. 
Na loita pola vitoria, Orio gañou unha regata a man a man con Urdaibai. No último longo remontou o actual campión ata estar no mesmo segundo a falta de 300 metros, pero o barco amarelo aguantou contra prognóstico e tomou mellor unha onda decisiva nos últimos douscentos metros.
A competición chega hoxe a Pasaia onde se instala o campo de regatas habitual do peirao dos últimos anos e que obriga a facer cinco ceavogas e seis longos. Un día de cambios de ritmo (12:00, TVG2).n

Te puede interesar