copa da raíña

Case afundimento

Vizuete tenta sacar un lanzamento ante a presión de Marta Méndez.
photo_camera Vizuete tenta sacar un lanzamento ante a presión de Marta Méndez.

O Mecalia Guardés deberá remontar tras perder por oito goles na visita ó Granollers (28-20) no partido de ida dos oitavos da Copa

Non funcionou o plan, nin a alternativa, nin a terceira versión, nin o intento de amaño e tampouco o recurso do libreto táctico. O Mecalia Atlético Guardés perdeu onte por oito goles na visita ó Granollers e, salvo unha milagre o vindeiro mércores na Sangriña, a fase final da Copa da Raíña esfumouse na comarca catalá do Vallés Oriental. 
Precisamente, o factor Sangriña -onde o equipo do Baixo Miño non perde en liga dende maio de 2015- será o elemento ó que terá que sosterse o equipo de José Ignacio Prades para convertir un día nefasto nunha anécdota con poucas consecuencias. Agora, tras perder por oito goles, o día negro supón unha eliminación e, polo tanto, perder un título.
Non é o Granollers un equipo doado para as guardesas. Tras varios enfrontamentos, onte volveu a quedar claro que Prades e as súas xogadoras aínda no atoparon a fórmula para parar á pivote Gassama, que cos seus quilos racha a habitual eficacia defensiva do Mecalia. Sempre no centro da pista nos seis metros é un verdadeiro incordio. Onte anotou cinco goles e a maioría dos seis que asinou Vizuete foron de sete metros forzados pola súa compañeira. A estos é preciso engadirlle un notable entendemento con Tilda Matthijs e, cando Prades puxo a Doiro no 5.1 sobre a central, tomou o relevo Sarandeva para manter a conexión con Gassama e desesperar ó Guardés.
Ese foi o buraco negro na defensa. No aspecto ofensivo a tarde tampouco foi mellor. Prades apostou por un intento inicial con Kurchankova, Doiro e Marta Méndez na primeira liña. O comezo foi un desastre no referente á circulación do balón. Pronto marchouse a tres tantos a vantaxe do Granollers. Méndez sentouse ós dez minutos e non volvería a saír. Era o inicio de cambios e rotacións para tentar mellorar no ataque. Con Espiñeira e Castell mellorou a lectura da defensa contraria e chegaron lanzamentos da lateral claros, pero a puntería era escasa. Parada tras parada de Nicole Morales. 
Ó descanso, o marcador sinalaba un 13-10 negativo, pero non definitivo. No segundo tempo chegou a precipitación, a falta de confianza e un Granollers ó alza. O Guardés pasou de perder o partido a, probablemente, a eliminatoria nuns últimos minutos de desastre e présa. Iso si, queda o factor Sangriña o vindeiro mércores á partir das 21:00 horas. Milagre ou decepción.n

Granollers (13+15): 
Morales, De la Torre, Vizuete (6), Gassama (5), Matthijs (5), Torras (1), Sarandeva (3), Monros, Vegué (3), González (1), Calle, Rojas (1), Corbera, Vázquez, Ballesteros (1), Prelchi (2). 
Mecalia Atlético Guardés (10+10):
Carratú, Cerqueira (1), Sempere (3), Egozkue (2), Doiro (2), Méndez, Mendoza (2), Hernández, Kurchankova (5), Carrera (1), Castell (2), Gutiérrez, Espiñeira (1), Romero, Urban (1), Carla Gómez.
Parciais: 
3-0, 4-2, 6-5, 8-8, 11-9, 13-10 (desc.), 15-12, 17-14, 19-15, 21-17, 24-18, 28-20. 
Árbitros: 
Merino Mori e Moyano Prieto. Excluiron a Torras, Sarandeva e Ballesteros nas locais e a  Ana Rodrigues, Sempere e Hernández, nas visitantes. 

Te puede interesar