fútbol

Os campións tamén din adeus

Once camisolas para trece clubs: Pablo ten eslásticas de tódolos equipos nos que estivo menos do Alondras, do que non puido gardar ningunha.
photo_camera Once camisolas para trece clubs: Pablo ten eslásticas de tódolos equipos nos que estivo menos do Alondras, do que non puido gardar ningunha.

Pablo Couñago puxo fin o pasado sábado a unha carreira de 21 anos no fútbol na que xogou en cinco países

Nunca é sinxelo dicir adeus. Para ninguén. Tampouco para os campións do mundo. E si, Pablo Couñago (Redondela, 1979) é campión do mundo. "Ó final é polo que me preguntan nas entrevistas e cando estou con amigos porque é o máis representativo", recoñece entre risas. Pero tamén é moito máis ca iso. Un futbolista –xa exfutbolista– con 21 anos de carreira, con doce clubs distintos no fútbol sénior  (trece se se conta o Casa Paco, onde comezou a dar as súas primeiras patadas á redonda) e cinco países de dous continentes distintos na maleta. Moitísimo máis do que calquera podería vivir nunha vida. "Tiven a sorte de viaxar moito grazas ó fútbol e coñecer moitas culturas diferentes. Disque estudiar é moi importante, pero viaxar, coñecer xente e aprender doutras culturas é tan importante", reflexiona.
Un comezo supersónico con ese Mundial sub-20 de Nixeria, do que foi campión e bota de ouro, e un peche perfecto, levantando a cuarta Copa Deputación consecutiva do Choco, o equipo do seu pobo, cun gol na final e un emotivo manteo final. "É a hostia". Así de claro o ten o seu derradeiro adestrador, un Marcos Montes que reflexiona sobre a súa despedida: "O día da final quixen adicarlle unhas palabras na charla previa e dicirlle ó grupo que se retiraba  mellor futbolista redondelano da historia e que, a pesar de non ter xogado o que merecía este ano, tivo un comportamento exemplar".
19 anos antes do pasado sábado, Couñago chegaba a Vigo como estrela emerxente do Mundial sub-20 de Nixeria. " No momento que vives esa experiencia é incríble porque ten moita repercusión. É algo que quedará sempre para min", confesa Pablo, que agardaba comezar a súa andadura de celeste. Pero aquel Celta tiña un dos mellores planteis da súa historia. Se cadra, de ter nacido dez anos despois, a cousa tería sido ben diferente. "Tiven a sorte de estar nun dos mellores planteis que tivo o Celta. Vivín unha tempada incríble, adestrando con referentes como Mostovoi, Mazinho ou Karpin. Quédome con iso", comenta.
"Non tivo as oportunidades que se merecía", apunta Yago Yao, excompañeiro de Pablo no Celta e actual adestrador do Cultural Areas. "Tiña un bo remate con ambas pernas e de cabeza e xogaba moi ben de costas, descargaba fácil, se asociaba e ademáis era potente", lembra o exdefensor asturiano.
Pero o mundo non se acaba no Celta. Couñago fixo as maletas e fichou polo Ipswich. "Inda é moi lembrado e querido aquí", comenta un siareiro do equipo inglés, no que o punta redondelano é poco menos que deus. "Inda hoxe recibo cariño dende Ipswich. Tiven a sorte de ser un ídolo, pero cando voltei despois do paso por Málaga, o cariño multiplicouse por dous ou por tres. Estou moi agradecido", comenta Couñago.
Ese paso exitoso por Inglaterra  deu paso ó fútbol asiático en Vietnam e Hong-Kong. Pablo notou unhas "diferenzas brutais" con Europa, onde voltou para probar unha nova experiencia en Finlandia. "Ir con él a Finlandia foi unha das mellores experiencias da miña vida", afirma Mateo Míguez, outro redondelano ilustre nisto da pelota. Recén renovado co Coruxo, fala con veneración do seu paisano: "Para tódolos cativos de Redondela era unha referencia. Como xogador, os seus números dino todo, pero como persoa é inda máis importante". Esa é outra das facetas que todo o mundo destaca de Couñago: a súa calidade humana nun grupo. "É a profesionalidade levada ó extremo. É unha experiencia moi importante na miña carreira poder adestralo, xa non so no deportivo, senón polos consellos que me deu e a súa axuda na xestión do vestiario", comenta Marcos Montes.
Porque a vida son etapas. E o fútbol tamén. Pablo compartiu vestiario con Patxi Salinas, Gudelj ou Eusebio cando tiña 18 anos. Esta tempada, tocóulle vivir o punto oposto, con rapaces como Chiqui, Rícar ou Escobar, que recoñece abertamente que fichou polo Choco en gran parte por él. "Sempre me dixo que confiase en min, que podo chegar lonxe. A tódolos mozos aconsellóunos moito", destaca. "Sempre tratas de axudar no que poidas e dar algúns consellos. Son rapaces encantadores, que sempre escoitaban e ogallá poidan facer carreira", agarda Couñago.
Inda que asegura non ser das persoas que miran atrás, os recordos agólpanse nunha mirada fixa no horizonte: "Gardo tantos recordos... Dende o comezo no Casa Paco con Manolo (Conde) e os anos na canteira do Celta, Ipswich, a etapa en Finlandia cos meus amigos do pobo, o ascenso co Numancia, a aventura asiática en Hong-Kong e Vietnam...". Pero a vida non permite quedar pendurado do pasado. O futuro non agarda por ninguén porque cando queres pensar nel xa é presente. Pablo asegura ter "asimilada" a súa retirada nestas últimas dúas tempadas en Terceira, pero recoñece que sentírase "raro" cando comece o curso e non teña partido. Seguro que non o terá como xogador, pero quen sabe noutra faceta. " Quero seguir ligado o fútbol. É o que máis me gusta", conclúe o ariete mentres destila unha máxica mistura de experiencia dun home de cen anos coa ilusión dun rapaz de 20. A mistura entre un campión do mundo de fútbol e un campión do mundo na vida.n

Te puede interesar