atletismo

Augas atléticas do río Eifonso calmas e rápidas

María Martínez e Daniel Pérez (arriba) gañaron unha competición que remataron 224 atletas.
photo_camera María Martínez e Daniel Pérez (arriba) gañaron unha competición que remataron 224 atletas.

Daniel Pérez e María Martínez gañaron 
un trail veloz e duro con 224 participantes

A dureza está no percorrido e tamén na velocidade. O trail do río Eifonso combinou onte estes dous elementos tras unha semana sen choiva nas Rías Baixas que deixou o entorno do sendeiro do río Eifonso máis seco do habitual, de forma que os atletas tiñan poucas dificultades técnicas para avanzar polos carreiros e, polo tanto, durante moitos quilómetros ían ó máximo do seu rendemento. Quedaron algunhas zonas húmidas e algo esvaradías, pero foron mínimas de forma que os participantes levaron un ritmo alto, que obrigaba a subir o pulso e a un notable desgaste para chegar coa lingua fóra. 
Entre os homes, Dani Pérez obtivo a vitoria de xeito claro no seu duelo con Estivel Martínez, máis acostumado ós trazados técnicos e longos. Completou o podio Marcos Fernández. En mulleres, María Martínez asinou unha vitoria clara por diante de Elena Rosell e Miriam Chapela. 
No treito especial cronometrado de cronoescalada, que coincidiu coa zona máis dura do ascenso pola beira do río Eifonso, tamén estableceron os mellores rexistros Dani Pérez e María Martínez. Marcaron o paso dende o inicio. 
Pouco a pouco foron completaron do percorrido os distintos participantes ata chegar á cifra de 224 atletas na liña de meta situada na alameda de Bembrive. Un total de 185 homes completaron o trazado por 39 mulleres, na primeira edición dun evento deportivo que herda a idea dunha proba celebrada en 2012 e 2013, pero sen continuidade. O Team Relay foi o encargado dunha organización que rozou a perfección tanto na sinalización do trazado como nos servicios ós atletas, que incluíu bebida e comida xenerosa e incluso unha sesión de masaxe. 
O trail do río Eifonso converteuse nun manancial atlético que tivo augas calmas e un pouco baixas no leito fluvial pola ausencia de choiva, pero cando a cuestión é correr, isto significa que o torrente das zancadas adquire máis velocidade da habitual.n

Te puede interesar