Último adeus a Xesús Alonso Montero: “Pensei que sería eterno”

Amigos e xente da cultura acercáronse onte a Pereiró para despedirse do académico vigués: "Fixo moito pola literatura galega”

Coroas de flores en recordo ao académico vigués Xesús Alonso Montero, onte en Pereiró
Coroas de flores en recordo ao académico vigués Xesús Alonso Montero, onte en Pereiró | J.V.Landín

Día de sentidas despedidas. Onte abriuse a capela ardente de Xesús Alonso Montero en Pereiró. Un lugar que foi recibindo mostras de agarimo por parte de amigos, familiares e de quen compartiu algún momento da súa vida con él. Deixou unha marca profunda non só na cultura galega, senón tamén en aqueles que o coñeceron. Destacaron a súa amabilidade, a colaboración sen interese e o seu sorriso sempre no rostro.

Incluso cando o vento non era favorable. “Sempre que nos xuntábamos traía agasallos para todos. Libros, sobre todo. Era un home de gran valor intelectual” recorda unha das súas amizades no mundo da política. Militante do Partido Comunista dende o 1962, foi detido polas súas ideas na ditadura franquista. Iso non borrou o seu alegrado semblante: “Era moi traballador polas ideas que tiña. Pero sobre todo era un home xeneroso”.

Alonso Montero faleceu os 97 anos, pero estaba cheo de vitalidade. Incluso en xuño do ano pasado, acudiu a unha comida entre amigos e arrincouse a cantar. Porque tamén tiña o seu lado espontáneo. “Era xa un home maior con 97 anos, pero pensei que chegaría aos 100. Estaba moi ben, moi animado sempre” sinalou unha amiga nos seus tempos de docente en Vigo: “Será eterno. Pensei que o sería. O seu legado estará aí presente e so podo estar agradecida por todo o que fixo”. Onte foi o día de reencontrarse con Alonso Montero. Maña será o día da despedida, a partir das 12 horas en Pereiró. “Estará todo o mundo. Era moi querido pola cultura”. Onte achegáronse tamén compañeiros que compartiron docencia con Alonso Montero no instituto Masculino de Lugo, agora IES Lucus Augusti e veciños de Ribadavia, o municipio que o veu crecer e que o fixo fillo adoptivo. “Foi a persoa que mais fixo pola cultura e literatura galega. Un de nós”, recalcou un visitante onte en Pereiró. O Concello quixo ter un detalle co ofrecemento dun ramo de rosas, al igual que o Partido Comunista de España e a formación política Izquierda Unida.

As redes volveron onte a recordar a figura do que foi presidente da Real Academia Galega entre os anos 2013 e 2017. O Celta catalogouno de “Mestre imprescindible”. Precisamente, ese bo recordo foi o que máis deixou no seu alumnado, con moitas mensaxes de lembranzas en redes sociais por parte de antigos alumnos en Vigo e Lugo. “Foi o mellor profesor que tiven na miña vida. Grazas por todo, non o esquecerei nunca e perdón por ser tan mal alumno”, ditou un dos seus pupilos na docencia.

Onte, a Real Academia Galega recordou os primeiros intres de Xesús Alonso Montero no ano 1993, co seu acto de ingreso. Leu un manifesto en favor da poesía civil nos primeiros tempos de posguerra."En importantes aspectos, o futuro do idioma galego vai depender, en non pequena medida, do noso traballo, do noso compromiso intelectual e da nosa pedagoxía", indicou no seu discurso.

Contenido patrocinado

stats