Falece o académico vigués Xesús Alonso Montero
Obituario
Foi presidente da Real Academia Galega entre os anos 2013 e 2017, escritor e biógrafo de figuras como Curos Enríquez, Rosalía de Castro ou Castelao; morreu este xoves aos 97 anos
Un dos bos e xenerosos. Dos que levou a cultura galega e a súa lingua ás cotas máis elevadas. Este xoves faleceu o académico e intelectual vigués Xesús Alonso Montero aos 97 anos. Membro do Consello da Cultura Galega, presidiu a Real Academia Galega entre 2013 e 2017. Ademais, deixou un poso cultural coas súas investigacións a figura chave na literatura galega como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Castelao.
Naceu en Vigo, pero pasou gran parte da súa infancia e adolescencia no municipio de Ribadavia, terra dos seus pais. Titulado en 1953 pola Universidade Central de Madrid, Xesús Alonso Montero doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de ‘Curros Enríquez en su poesía gallega’ (1966). Exerceu a docencia no ensino medio en centros de Santiago de Compostela, Palencia e no Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti, entre 1960 e 1976. En 1980, recalou no actual IES Álvaro Cunqueiro, antes Coia 4. Aínda que só estivo dous anos, foron de gran pegada no alumnado. O pasado mes de octubro, o centro ofreceulle unha homenaxe, que rematou coa descuberta dunha placa no salón de actos.
O seu compromiso cívico e político (militou nas filas do PCE desde 1962) custoulle durante o franquismo diversos episodios de represión e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas. Como investigador foi un pioneiro no ámbito da sociolingüística aplicada ao caso galego en títulos como “O porvir da lingua galega” (1968), libro colectivo baixo a súa coordinación, “O que compre saber da lingua galega” (1969) e “Informe –dramático– sobre la lengua gallega” (1973), volumes con vontade polémica e divulgativa nos que denuncia a situación de exclusión social do galego naquela altura e propón medidas para a súa recuperación. Como biógrafo, investigou a vida e a obra de numerosos autores e autoras en obras sobre Luís Seoane e Lorenzo Varela, así coma outras de carácter crítico ou divulgativo arredor de Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro.
Alonso Montero foi presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e membro das fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro. Recibiu, entre outros, os premios Ramón Otero Pedrayo (1988), Pedrón de Ouro (1992), Celanova Casa dos Poetas (1993), Xunta de Galicia á Creación Cultural (1994), Irmandade do Libro (1994), Juan Fernández Latorre de Xornalismo (1995), Defensa dos Dereitos Humanos (Avogados Demócratas da Coruña, 2000), Premio Cultura Galega das Letras (2019), o Premio Laxeiro (2022), e o Premio da Memoria Democrática concedido polo Goberno de España (2023), e foi nomeado doutor honoris causa da UNED (2010). A capela ardente de Xesús Alonso Montero abrirá hoxe pola mañá en Pereiró. O acto de despedida celebrarase maña, ás 12:00 horas na mesma localización.
Vigués Distinguido o ano pasado: “Non o merezo”
Xesús Alonso Montero traballou con humildade. O ano pasado, o Concello nomeouno Vigués Distinguido pola súa labor e traxectoria cultural. “Non o merezo”, dicía o intelectual vigués nunha entrevista en Atlántico. Sentiu orgullo de recibir o galardón, recordando a outros ilustres que non foron (aínda) Vigueses Distinguidos como Martín Códax ou Heraclio Botana, fusilado en Pereiró no 1936. “Síntome compañeiro, confrade, colega de todos eles. Non merezo este galardón e menos á beira dos que veño de nomear”, asegurou Alonso Montero fai un ano.
Sempre presumiu das súas orixes na aldea de Ventosela, en Ribadavia. Pero fixo moito por Vigo, pola súa cultura. Cedeu boa parte da súa biblioteca de oratorio á Fundación Penzol e investigou “Cantares gallegos” de Rosalía, editado en Vigo. Publicou tamén en tres idiomas un estudo de Martín Códax e desenvolveu a súa actividade docente como profesor de instituto e no colexio universitario. “A verdade é que hai xente que pensa que só vivín en Vigo, a onde cheguei no 76. Antes pasei polo Ribeiro, Madrid e Lugo. É unha cidade grande con moitas voces, pero sobre todo as do proletariado, como os berros da folga do 72”, afirmara o académico vigués. Unha figura que o alcalde, Abel Caballero, prometeu que contará cun espazo na cidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar