Rosa Fontaíña: “Despois de trinta anos, paréceme que non avanzamos moito na loita contra os malos tratos”
Vigueses Distinguidos
“Sempre que sexa un home o que asasina a unha muller é polo feito de ser muller e pensa que ten poder sobre ela”, sinala a activista Rosa Fontaíña, Viguesa Distinguida 2026
Rosa Fontaíña adicou toda unha vida ao activismo, primeiro no movemento veciñal e logo fundando a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.
Como recibiu a nova de que lle concedían a distinción?
Eu teño que agradecer que me fagan un recoñecemento, loxicamente. Pero eu xa recollín tantos premios no nome da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos que estou un pouco acostumada.
Aguardaba esta distinción?
Si, un pouco. Pero tamén que o fixeran antes, levo 36 anos (ri). Entre o movemento veciñal e a Rede… Nunca botei en falta que o recoñecemento fora para min, pero gústame.
Como mudou a situación da loita contra a violencia de xénero en Vigo dende que creou a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos?
Eu persoalmente teño a sensación de que cambiou para peor. Cando no ano 97 comezamos en Madrid co proxecto morrían unhas 90 mulleres ao ano. Pero as cifras oficiais non contan as que son parellas ou exparellas. Sempre que sexa un home o que asasina a unha muller é polo feito de ser muller e pensa que ten poder sobre ela. Cando digo que o vexo peor refírome á conciencia cidadá. Hai máis achegas e cambiaron as leis e iso está moi ben. Tamén hai máis persoal traballando. Pero en trinta anos paréceme que non avanzamos moito.
Preocúpalle que os discursos contra a lei integral de medidas contra a violencia de xénero poidan converterse en algo maior?
Claro que me preocupa, estamos dando pasos cara atrás. Hai partidos políticos que están sendo arrastrados por outros a estes discursos. E estou alucinada por como fala a xente sobre este tema. No mesmo día no que en España asasinaran a tres mulleres estiveron dicindo nunha mesa na que estaba eu que as mulleres asfixian aos homes, que non poden facer nada. E o tiñan creído. A cousa está moi mal.
Que cree que sería necesario facer institucionalmente para mellorar a loita contra os malos tratos?
As institucións teñen que apoiar economicamente e fisicamente ás mulleres. Isto ten que ser transversal, ten que estar presente en todas partes. Que os políticos falen diso. Pero non falan, só cando chegan o 25 de novembro e o 8 de marzo. Hai xente que confía cegamente no que din os políticos. E se os políticos falasen destes temas podería crearse conciencia social. E para ter profesionais, hai que pagalos e necesítanse axudas. Na Rede temos moitísima experiencia e iso vale para que a xente que vén detrás poida traballar ben.
Contenido patrocinado
También te puede interesar