Ramón Villares: "Hai que ler a Castelao e o seu discurso, non só invocalo e agrandar o mito"
O historiador abordou en Vigo a importancia do Consello da Galiza, o Goberno galego no exilio, e do seu presidente
“Castelao ten moito que dicir á sociedade galega actual e a do futuro, pero hai que achegarse ao político real; non foi un deus, era unha persoa que resultou decisiva, pois cos poucos recursos que tiña, fixo cousas moi grandes”. O historiador Ramón Villares (Xermade, 1951) impartiu onte a charla “Consello de Galiza, o Goberno galego no exilio”, convidado pola Fundación Penzol, na que serviu como apertura do Ano Castelao que conmemora o seu 75 cabodano. Asemade a súa intervención programouse no ámbito da exposición polo 80 aniversario da publicación de “Sempre en Galiza” e da proclamación do Consello de Galiza, comisariada dende a Penzol.
Decano da facultade de Xeografía e Historia (1986-1990), reitor da USC (1990-1994) e presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018), Villares sinalou a importancia do Consello de Galiza, presidido por Castelao en 1944. “É un referente político e cultural para a Galicia actual e reflectiu no seu momento a vontade galega e a loita pola autonomía; houbo que agardar oito anos para a súa formación, pero fíxose cando se puido. Equiparou o modelo galego ao catalán e vasco animado por eles, co pacto Galeuzca defenderon unha república federal se caía Franco, que podía ser española ou ibérica, en caso de incorporar a Portugal”.
Para este Ano Castelao, reclama que se coñeza a súa mensaxe: “O importante non é agrandar o mito, senón coñecer o seu discurso político, hai que ler a Castelao, non só invocalo. Moitos que o nomean non leron os seus artigos, nin o ‘Sempre en Galiza’, sei que custa un esforzo, pero é fundamental para descubrir a persoa que foi”. Afirma que xa en vida se convertera case nun mito, “o seu enterro en Bos Aires foi multitudinario, un precedente do que sería o de Evita Perón”.
O historiador considerou a posta en marcha do Consello de Galiza como “unha decisión moi valente, con poucos recursos económicos e humanos, que tivo a fortuna de integrar a moitos emigrantes que levaban tempo en Arxentina e en Uruguai, eles conformaron a base social e costearon o proceso, era o que Castelao denomina a Galicia ideal, porque a Galicia da terra, dicía, estaba secuestrada”.
Cando a Castelao o reclaman todos, afirma que el mesmo se denominaba “galeguista disidente”. Lembrou que se volve político na República, xa na súa madurez. Antes fóra un artista coñecido “que soubo como ninguén definir e amosar o malestar da sociedade galega”. Villares cualificouno de nacionalista, “aínda que el nunca se denominou así, porque era un termo que daquela se relacionaba cos réximes autoritarios, tamén os cataláns evitaban esa palabra”.
A axenda do Ano Castelao segue hoxe coas xornadas en torno a súa faciana como grafista. De xeito paralelo á mostra que documental e gráfica do Marco, o museo acolle a charla de Ana Acuña e Kiko da Silva sobre o seu lado artístico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último