“Mementum”, un responso en homenaxe a Antón Pulido
A música e a poesía non faltaron na multitudinaria despedida ao pintor ourensano, afincado en Vigo, que convocou a políticos e intelectuais
O tanatorio Vigo Memorial acolleu onte un multitudinario encontro da sociedade galega. A despedida do artista Antón Pulido convocou a representantes políticos dende o presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Cultura, José López Campos; o alcalde Abel Caballero e a tenente de alcalde, Carmela Silva. Tamén estiveron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
No ámbito da cultura, acudiron o escritor, ex-presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal Andión; o director xeral e secretario da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero ou o pintor José María Barreiro. Da Universidade de Vigo pasaron os ex-reitores Manuel Reigosa e Luis Espada.
O funeral de corpo presente foi oficiado por varios cregos encabezados polo bispo emérito Luis Quintero. O cadaleito estaba cuberto coa bandeira de Vigués Distinguido, nomeamento que recibiu en 2006 pola súa achega a Vigo, cidade na que residía dende os anos 80, sen esquecer a súa orixe, na aldea ourensá de Amoeiro.
Tralo funeral, Bieito Ledo abriu o acto civil. Foron amigos dende que con 12 anos ingresaron no Seminario. “Era o 1 de outubro de 1956, presentámonos 500 rapaces ás probas de acceso e só pasamos 120. Nos 11 anos que compartimos meditación e silencio durante nove meses seguidos, collemos o tempero, cando o ferro se converte en aceiro. De aí saíu a fortaleza da nosa amizade, foron 70 anos, moito tempo e moi intenso”.
Bieito asegurou estar convencido de que o seu amigo “marchou hoxe a durmir fóra da casa que compartimos durante 70 anos”. Sorrí ao lembrar que de tanto que estaban xuntos, “moitos nos trabucaban o nome, nunca me pareceu mal”. Santalices confirmouno “non hai Bieito sen Pulido, nin Pulido sen Bieto”. O presidente do Parlamento tildou ao artista “dun home valente, que merece un recoñecemento da sociedade”. O rexedor referiuse a el como “un home excepcional, un grande artista que da creación fixo unha revolución”. Caballero destacou a Praza das Apertas como un dos legados que deixou aos vigueses. Anunciou que unha rúa da cidade levará o seu nome.
Pulido deixou dito que se lese o responso, “Mementum”, que el cantaba como tenor na Escola Cantorum, xa que a música era outra das súas paixóns. O encargado foi o crego Antonio Fernández León, compañeiro de Seminario.
A actriz Uxía Blanco puxo voz a un escrito do seu amigo Avelino Muleiro, que escusou a súa ausencia. María Xosé Porteiro falou en nome dos seus amigos. Lembrou as súas cualidades humanas e a súa capacidade de amar; asemade, fixo fincapé no seu legado artístico. Armando González tamén tomou a palabra e recitou un emotivo poema na súa memoria. Digna, a súa cuñada, tamén lle dedicou uns versos. Non faltou a música. Chegou cos integrantes do Caramuxo, aos que lle unía unha grande amizade. Fixeron música no seu honor.
Finalmente, tivo lugar a incineración na intimidade familiar.
A piques de cumprir os 82 anos, morreu Antón Pulido, provocando unha perda profunda no mundo da cultura galega, tal e como quedou reflectido no seu funeral.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último