Máis de 1.800 escolares marcharon a prol da lingua galega por Vigo
O Correlingua levou aos rapaces dende a Praza do Rei ata o Parque de Castrelos
Tras a súa forzada suspensión a causa do mal tempo, o Correlingua 2025 celebrouse onte en Vigo nunha xornada solleira, ideal para unha actividade coma esta. Máis de 1.800 escolares de 13 colexios diferentes de Vigo e a súa área saíron dende Praza do Rei ata o Parque de Castrelos con todo tipo de pancartas baixo un mesmo lema: “Unha mocidade activa por unha lingua viva”. Antes de emprender o seu percorrido por Camelias e Avenida de Castrelos, os rapaces participantes foron animados a empregar o galego na propia praza do consistorio vigués polo alcalde Abel Caballero, que aproveitou tamén para felicitar ao profesorado alí presente polo seu labor no ensino en favor do idioma.
Os escolares tardaron preto dunha hora en facer esta ‘marcha pola lingua’, que transcorreu por dúas das vías máis transitadas da cidade sen ningún incidente ata chegar ao Parque de Castrelos, onde lles agardaba toda unha festa para celebrar o idioma propio de Galicia. O humorista Fran Rei foi o mestre de cerimonias desta edición, na que a encargada de ler o manifesto pola lingua galega foi Corina Mañá. Este deu pé á actuación de ‘Pauliña’, unha das finalistas do concurso Cantalingua e que puxo a bailar aos asistentes coa súa mestura de blues, reggae e rock.
Contenido patrocinado
También te puede interesar