Luz Fandiño, a forza da poeta de 91 anos cantada por Sés

AB

Publicado: 25 oct 2022 - 02:04

Luz Fandiño foi a convidada de onte por Mulleres e Palabras.
Luz Fandiño foi a convidada de onte por Mulleres e Palabras.

“O 23 de novembro cumprirei 19 anos”. Esa é a resposta de Luz Fandiño cando se lle pregunta a idade. A poeta que cativou entre outros a Sés recitou onte en Vigo, convidada pola agrupación Mulleres e Palabras. Aos seus 91 anos amosou unha vitalidade envexable e unha lucidez marabillosa. Recitou varios poemas propios contra a guerra, sobre soidade e tamén versos da súa autora de cabeceira, Rosalía de Castro. “O primeiro libro que lin foron as obras completas de Rosalía, foi no 1960, a primeira vez que entrei nunha biblioteca”.

Migrante en Arxentina dende 1950, foi no Centro Galego de Buenos Aires onde descubriu a poesía. “Foi grazas ao bibliotecario, Luis Ares, un betanceiro que tivo que marchar xunto co noso presidente, Castelao”. Lembra, cunha memoria prodixiosa, como foron eses primeiros días na sala de lectura. “Eu nunca estivera nun lugar así e non sabía comportarme, falaba, ría e choraba cos versos de Rosalía ata que o señor Ares chamoume a atención moi educadamente”.

Dende entón quedou prendada da autora de “Cantares Gallegos”. Garda como unha xoia esa primeira publicación que colleu nas súas mans, da editorial Vilar “con follas que semellaban da Biblia”. Tamén recita a Curros Enríquez, a súa segunda lectura. “No meu pensamento eles dous están casados, do home de Rosalía, o Murguía non gusto”. Aínda que non ten publicado obra, os seus poemas foron recollidos por outros escritores e mesmo por cantantes como Sés: “Encántame, leu o poema pola mañá e pola noite xa o interpretou”.

Contenido patrocinado

stats