Isabel Blanco: "Se as mulleres artistas non aparecen nos libros de texto, non existen"

Isabel Blanco, autora de 'Galegas na arte'

Publicado: 15 nov 2022 - 01:40 Actualizado: 15 nov 2022 - 09:36

Isabel Blanco reivindica as mulleres artistas.
Isabel Blanco reivindica as mulleres artistas.

Avogada e escritora, Isabel Blanco (Vigo, 1962) publicou un novo libro para a visualización das mulleres silenciadas en distintos ámbitos sociais e profesionais. Baixo o título “Galegas na arte” (Belagua, 2022), fai un repaso pola traxectoria de 21 creadoras visuais: escultoras, fotógrafas de finais do século XIX ata mediados do XX.

Que leva a esquecer a unha muller que triunfou no mundo da arte?

As artes tamén é un eido no que estamos esquecidas e invisibilizadas, sobre todo en comparación cos varóns. Neste libro hai 21 nomes que foron populares e agora podemos coñecer a cinco ou a seis, cando polo seu talento deberan ter unha proxección pública moito maior. Por exemplo entre as fotógrafas está Cándida Otero, que o seu estudo en Vigo foi o xerme do Arquivo Pacheco.

O seu anterior libro era “Galegas na ciencia”. Cal é máis difícil para as mulleres?

Ata os anos 30 o acceso á Escola de Belas Artes de Madrid estaba prohibido para as mulleres, polo que as que aspiraban a ser pintoras ou escultoras, ou viñan dunha familia con posibles lle costease os estudos fóra ou era autodidactas. Outra posibilidade é que o pai fose artista e elas traballaban no taller familiar. En moitos casos lograban recoñecemento en vida, pero non o mantiñan ao morrer. Maruja Mallo foi considerada con Magritte a pintora máis importante e innovadora da arte, pero agora está case esquecida.

Que referentes femininos hai entón na arte?

Non ten referentes femininos, non se nomean. Preguntando por Julia Minguillón, contestáronme que é o nome de rúa, cando foi unha pintora moi importante no seu tempo, pero se nos libros de texto non están, non existen.

Segue a ser un ámbito machista?

Penso que si. Cambiou cun acceso á academia igualitario, pero non hai as mesmas oportunidades para as mulleres, nen o mesmo recoñecemento público. Mercedes Ruibal, Soledad Peralta, María Antonia Dans tiveron éxito, pero xa non se fala delas. Aínda que estean nos museos, a súa obra non sempre está exposta.

Contenido patrocinado

stats