O Correlingua reclamou máis galego
VIGO
"Queremos que o galego volva as nosas aulas" ou "A escola en galego" foron algunha das pancartas que luciron os 2.000 rapaces que participaron onte polas rúas viguesas na marcha polo idioma
O Correlingua cumpríu quince anos concienciando sobre a necesidade de incrementar a presenza do galego nas aulas. Con marchas por toda Galicia, onte tocoulle a Vigo, ser a cidade anfitriona nesta xornada festiva e reivindicativa a partes iguais.
Prevista para o día 8 deste mesmo mes, tivo que ser anulada polo mal tempo. Así, onte saíron da Praza do Rei, máis de 1.500 rapaces con destino a Castrelos, onde xa agardaban os máis cativos, 300 nenos de Educación Infantil. Polo camiño incorporáronse os alumnos do Álvaro Cunqueiro e Altamar.
En total, participaron 2.000 escolares acompañados por cen profesores. Como novidade desta edición, os organizadores destacaron a alta participación de alumnos de secundaria (un 65%). Demostrando que o tema interesa a tódalas idades, dos 25 centros, 12 eran institutos, oito colexios públicos, un privado, tres centros de Educación Especial e unha escola infantil. Aínda que a meirande parte dos centros están en Vigo, tamén houbo representatividade de Porriño, Mos ou As Neves.
"Queremos galego nas aulas" ou "Somos galegos, falamos galegos" foron algúns dos eslóganes cantados por los nenos na súa andaina. Os máis animados (o Centro de Educación Infantil e Primaria, Virxe do Rocío, o Ría de Vigo e o instituto As Bizocas de O Grove, o único fóra da área viguesa). A marcha, acompañada pola actriz Isabel Risco, percorreu Camelias, As Travesas e Castrelos ata chegar ao parque, onde a festa estaba asegurada coa actuación de Paco Nogueiras e o concerto de Sacha na Horta, os gañadores do concurso Canta Lingua, organizado dentro do Correlingua. Os encargados de ler este ano o manifesto en prol da lingua foron os estudantes do CEIP Altamar de Vigo.
"O Correlingua non é só un día de festa, é todo un programa de actividades e traballos na clase que contribúen a sensibilizar a necesidade de normalizar o galego", apuntan dende a organización, composta pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.
Na súa edición XV, O Correlingua mobilizou perto de 40.000 escolares en toda Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar