Oliver Laxe: “Tiña ganas de facer unha peli para o público novo, ‘Sirât’ ten profundidade e ao tempo frescura”
“O premio más grande para min é que ‘Sirât’ estea funcionando co público, case alcanzamos os 100 mil espectadores en seis días”, sinala o cineasta galego
A xira de presentación da película “Sirât” trouxo a Vigo ao seu director, Oliver Laxe, que coa mesma visitou o set de Atlántico TV. Falou de cinema en xeral e do seu último filme en particular, produción coa que obtivo o seu cuarto galardón no festival de Cannes da súa traxectoria, o segundo premio do xurado.
Como senta volver a triunfar en Cannes?
O premio máis grande para min é que estea funcionando co público. Case alcanzamos 100 mil espectadores en seis días. É incríbel. Un fai películas sobre todo para conectar co público e abrir un diálogo co público. O dos encontros en Vigo foi preciosísimo, estiven nos Cines Norte e nos Yelmo. Sempre me gusta vir a esta cidade, pero máis cando teño que compartir unha peli.
Non é unha película convencional. Que o que busca transmitir?
Tes tres horas para que conteste? (risos) Quero transmitir moitas cousas, pero sobre todo a miña primeira intención é que se miren cara adentro. Creo que estamos nun momento no que isto é moi difícil, conectar coa realidade é moi difícil. Hai tanta dor nun mundo que nos dispersamos, nos distraemos, nos desconectamos, é normal. Eu quería iso neste xogo de espellos que é o cinema, conectar a través da identificación co personaxe, de sentir o que sinte o personaxe, que o espectador mirase adentro. O que sucede na película é forte, é bastante límite e convido ao espectador a ir a eses límites. Eu creo de corazón que cando o ser humano está no seu límite, sempre saca mellor de si.
Está rodada no deserto de Marrocos, un escenario con moito xogo.
É unha paisaxe ferida, o deserto, non ten terra, non ten flora como aquí en Galiza, entón hai algo como moi límite. Na sedimentación vense tódalas capas xeolóxicas da terra. Creo que cando estamos nese espazo asoballados á paisaxe, sentímonos pequenos, verdadeiramente moi pequenos. Pero esa sensación non dá angustia, creo que ao contrario, que te serena, e o deserto despois tamén é importante para min. É un espazo onde precisamente é moi difícil distraerse, non te podes esconder, non hai árbores, non hai penedos, non hai nada. O deserto obríganos a mirar adentro.
Que papel ten a música?
É unha película narrativa, pero para min esa historia é un trampolín para sentir as imaxes. O meu cinema ten algo sensorial e a música xoga tamén un papel moi importante, forma parte da sensualidade da imaxe. É música electrónica que pode dialogar coa música popular. Hai unha segunda parte na película na que está moi enraizada a música, fainos sentir que a viaxe física tamén é unha viaxe metafísica. Personaxes e espectadores atravesan montañas e ríos, hai peripecias e aventuras. Dialoga moito co cine de xénero, esas películas que nos gustaban moito de Indiana Jones. Pero hai un momento en que se sinte viaxar a outra dimensión. Moita xente fala incluso de ciencia ficción. Entón a música fainos sentir que vivimos nun mundo máxico.
Esta película é un proxecto que comezou hai anos. Como xurdiu?
Tes outras tres horas para que cho conte?
Como dicían na escola, tentemos sintetizar. (Risos)
Xurdiu hai moito tempo e para o meu equipo levou moito traballo. Estamos contentos porque tiñamos ganas de facer unha peli para o público novo. Ten fondura, profundidade e ao tempo ten algo fresco, contemporáneo. Lembrei tamén esas películas que me queceron por aquí dentro, que me deron un amorciño no corazón. Cremos que é unha peli que pode sementar moi beneficamente no espectador. Está sucedendo algo bonito, penso que remove nun sentido moi profundo. Aí está o sentido ou o sensentido de facer películas, porque estamos falando de dez ou quince anos de traballo, de escritura do guión, de esperar o bo momento, de financiar unha produción moi grande con moitos efectos. Levou moito tempo.
Supoño que iso lle da maior importancia á boa acollida do público.
Si, claro. Fanse tantas películas que non se ven! Creo que hai que voltar a convocar a xente ao cinema. Non teño nada contra a televisión e contra as series. Están ben, pero digamos que o cinema tense que ver no cinema. Creo que o que sucede nunha sala de cinema é misterioso, é moi importante. Hai unha comuñón entre a xente que está aí. Ou sexa, cada un está só diante da pantalla, pero hai unha enerxía que se comparte co grupo. Penso que iso fai do cinema un sitio que verdadeiramente nos pode transformar. Todos experimentaron algunha vez o que é saír nunha sala de exhibición totalmente transformados, coa película na pel, no corpo, case ebrio. É como unha borracheira, case como se non puidésemos falar. Hai unha relación da imaxe co metabolismo humano moi profunda e fecunda.
Que ten que ter un tema para que engaiole e o leve á gran pantalla?
Gústame o sagrado, a transcendencia en tódalas súas formas. Na xente que baila nun ‘dancefloor’, na natureza, paréceme ver o desexo do ser humano que quere rezar co seu corpo. Ten que ter, non sei, imaxes, ten que ter algo límite, ser unha aventura interior, ser un momento no que a xente queira despegar os seus pés da terra. Ten que ser algo transcendental, filosófico, ten que falar da vida, de nós como seres humanos. Creo que o meu rol como cineasta é iso, mirarnos, mirarme. Eu son cineasta de imaxes, iso é o primeiro que me atrapa, as imaxes.
Foi un detalle moi bonito estrear na súa aldea, Navia de Suarca, nos Ancares, e non en Madrid. Que lle achega a súa comunidade?
Unha estrea é unha maneira de convidar á xente ao teu universo, ao teu mundo. Parecíame lóxico facelo na miña casa. Amais de que eu xa vivín no Eixo Atlántico, por iso reivindico o Eixo Oriental. O Atlántico xa está pasado de moda. (Risos) Hai que mirar cara ao oriental, que segue sendo o máis fecundo.
A xente de Vigo ten a sorte de que case sempre conserva a aldea. Téñense as dúas cousas, mantemos un pé no Eixo Atlántico e outro no rural.
Eu tamén de vez en canto veño a bailar a Vigo (máis risos). Reivindico que moitas veces a cultura, o centro cultural, pode estar na periferia. Que non sexa unicamente ir á aldea, senón que esa aldea sexa o centro ao redor do que pivota a vida cultural. Pero insisto, estrear na casa foi un xesto sobre todo natural para compartilo con miña xente e convidar aos de alí tamén. Coidámonos moi ben nos Ancares.
Despois do esforzo dunha película tan ambiciosa, que queda? Cal é o seguinte paso?
Non hai seguinte paso, estou vivo no presente. Tócame acompañar a peli, entendela, entenderme a min, escoitando moita xente. É sabrosísimo coñecer as reflexións que fai a xente, comparte cousas moi diferentes. Vou estrear en Francia, en Alemaña, en Estados Unidos ou en Inglaterra, e teño que ir acompañando a película. Sobre próximos proxectos? Estou moi centrado na asociación SER, nos proxectos que facemos alí na montaña lucense. Temos moitos en curso. Gústanme e danme equilibrio co cinema. Con respecto a novos proxectos, ata o ano non teño intención de poñerme con nada, non teño ningunha presa. Vivo no presente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar