Manuel Reigosa: “A UVigo está agora máis preto de pedir Medicina que hai dous meses”
Universidade
“Se hai unha posibilidade de multiplicar este grao en Galicia, Vigo ten mellores condicións que outras universidades”
A poucos meses de rematar o seu mandato na reitoría da UVigo, Manuel Reigosa define como “tsunami” a polémica levantada pola Universidade da Coruña ao pedir Medicina. Un tsunami que atrasou a apertura do mapa de titulacións e das negociacións para un novo plan de financiamento e que Reigosa segue “con atención” para reivindicar o que lle pertence a Vigo en caso de que sexa necesario.
Como valora o convenio entre a USC e o Sergas que se coñeceu o martes?
Estou á espera de ver como se desenvolve. Entendo que todas as universidades galegas podemos captar talento en todos os hospitais de Galicia para as titulacións que temos. Neste momento xurde o problema entre as universidades de A Coruña e de Santiago pola loita que estamos tendo polo grao de Medicina, que é algo un pouco diferente do resto. Pero eu entendo que para as que nós temos, como Fisioterapia ou Enxeñaría Biomédica, nos tamén podemos fichar persoal noutros hospitais do Sergas. Neste momento a situación é que hai unha única facultade de Medicina en Galicia que depende da USC e eles poden fichar persoal en calquera hospital de Galicia.
A UDC calificouno de 'deslealdade'. Coincide con esta valoración?
Eu nunca vou valorar de xeito moi duro o que fan outras universidades. Eu resérvome a miña opinión ao respecto. Pero para min a maior sorpresa en todo este asunto foi que a UDC, sen ningunha negociación previa, lanzase o seu pedimento para crear unha nova titulación de Medicina. Por eso os movementos non me sorprenden tanto porque vemos como o tema se va encendendo. O que eu espero é que sexamos quen de voltar ás mesas de negociación e chegar a acordos pensando no mellor para o estudantado e para Galicia.
Afecta isto ao grupo de traballo para descentralizar Medicina?
É obvio que hai pedras no camiño que ás veces fan que as cousas sexan máis difíciles. Eu, dende logo, non me vou a levantar nunca dunha mesa de negociación se hai posibilidades de chegar a un acordo. Creo que hai modelos mellores actuais para descentralizar Medicina. Nós no ano 1991 pedimos esta titulación para Vigo e temos o refrendo do propio Concello, que xa o fixo tres veces: cos alcaldes Manuel Pérez e Lois Pérez Castrillo antes e agora con Abel Caballero. Creo que hai unha petición unánime e o que non pode saír de todo este rebumbio é que ao final haxa dúas facultades de Medicina e as dúas estean na mesma provincia. Aí Vigo terá moito que dicir. Coñecendo xa con máis detalle os profesionais dispoñibles para buscar novos títulos e buscando unha maior eficiencia nos egresados, esa mellora pasa pola descentralización e por que Vigo e A Coruña xoguen un maior papel na formación. E nós estamos abertos a calquera posibilidade, incluíndo que Vigo teña unha facultade de Medicina. Pero debemos traballar nesas negociacións.
Houbo avances nestas xuntanzas do grupo de traballo?
Polo de agora fixámonos un pouco en como imos funcionar. Temos un acordo interno sobre as datas porque eu quero deixar estes traballos antes de que se convoquen eleccións na USC e esto habería que sacalo do rebumbio electoral.
Está agora a UVigo máis preto de pedir Medicina que hai dous meses?
Seguramente si, porque esta era unha porta absolutamente pechada. Estabamos traballando para que xusto este mes houbera unha pequena apertura do mapa de titulacións. Aspirabamos a ter polo menos tres novas titulacións e está todo paralizado. Se non hai acordos e simplemente imos facer pedimentos, é un xeito moi diferente de traballar ao que levamos facendo nos últimos anos. Non estaba enriba da mesa multiplicar titulacións existentes. Este é un horizonte totalmente novo e eu xa fixen constar que se hai unha posibilidade de que se implante Medicina en Galicia, Vigo ten mellores condicións que outras universidades. Temos un hospital magnífico e a propia UVigo ten ligazón cos hospitais de Ourense e Pontevedra. Se seguimos por esa liña, nós imos ser moi revindicativos. Pero creo que hai posicionamentos que sexan incluso mellores que crear novas facultades.
Afronta os seus 12 derradeiros meses de mandato. Diría que cumpriu o programa de goberno? Que retos quedan por diante?
Espero poder cubrir as partes que non están moi ben cumpridas nestes meses. Estamos moi satisfeitos coa organización da investigración: creamos cinco novos institutos, fortalecemos os centros, que xa teñen o recoñecemento da Xunta e estamos abordando a remuda xeracional reequilibrando os ámbitos. Pero aínda nos quedan, aparte dos estatutos, a modificación da relación dos postos de traballo do persoal de administración e servizos que non puidemos levar a cabo no primeiro mandato e o ordenamento do persoal investigador. Hai preto de 1.000 persoas que quedaron un pouco no limbo e quero deixar un novo convenio colectivo para poder asimilar este persoal de forma máis correcta.
Dos éxitos que puido colleitar nestes 7 anos quédase con algún?
Pode soar un pouco ñoño, pero do que máis orgulloso estou é do cambio, de ter acadado acordos incluso unánimes nas mesas de negociacións. Queríamos facer as cousas doutro xeito e gobernar con acordos, e iso é co que me vou quedar porque creo que supuxo un antes e un despois.
Cando chegou á reitoría a UVigo recuperábase dunha forte crise e agora ten superávit ano a ano. Que hai detrás disto?
A verdade é que a clave fundamental é o talento. Cando tes talento todo é máis doado. A captación de fondos europeos multiplicouse ata por dez dependendo do programa. Somos capaces de captar moitísimos fondos máis que os que veñen no plan de financiamento. Tamén negociamos un plan de financiamento máis xeneroso que o anterior. Este mes estaba previsto comezar as negociacións dun novo, enmarcado na nova lei de universidades que marca que debe adicarse o 1% do PIB autonómico á universidade.
A un mes dos resultados do ránking de Shanghai, este podería ser o ano que a UVigo chegue ao posto 500?
Este ano creo que non porque os resultados de Clarivate e Highly Cited Researchers (investigadores moi citados) nos dan que non imos ter esa achega adicional, pero o que si é claro é que os nosos investigadores son cada vez máis recoñecidos porque seguen a publicar nas mellores revistas. O que pasa é que esta é unha carreira na que todos intentan subir. Eu sigo esperando que poidamos chegar a eses 500 mellores.
Xa está pensado o seu relevo no grupo H2040?
Imos ter unha candidata magnífica con gran capacidade de traballo e moita experiencia e, se a comunidade universitaria a elixe, continuará coa mesma liña de traballo, e seguro que o fará mellor que min. Anunciarémolo en setembro.
Que lle gustaría que a UVigo conseguira nos vindeiros seis anos?
Eu sigo pensando nesa universidade que pon o seu énfase na formación e no agarimo no trato entre profesores e estudantes. Espero tamén que sexamos unha universidade competitiva na investigación, que poñamos o foco en xerar coñecemento en todos os ámbitos. Tamén que transfira eses coñecementos á sociedade e creo que estamos no bo camiño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último